Kalandraka lembra a Isaac
Dende Kalandraka, editorial especializada en literatura infantil e xuvenil, fannos chegar esta manda para termos moi presente a Isaac Díaz Pardo, para termos presente o seu recordo e a súa memoria. O señor Sargadelos é o título deste fermosísimo recordo que comeza así:
O señor Sargadelos
Aló polo ano 2005, a Campaña Municipal de
Animación á Lectura que cada ano desenvolven o Departamento de Educación do
Concello de Santiago e máis Kalandraka, trasladou as súas actividades dende o
Pazo de Bendaña ata a Galería Sargadelos, na Rúa Nova da cidade compostelá.
Este novo espazo contaba con salas máis amplas para as exposicións, obradoiros e conferencias. Os obxectivos de achegar a arte, a literatura e o deseño aos máis cativos enlazaba plenamente con aquel ideario revolucionario que Isaac Díaz Castro e Luís Seoane puxeran en marcha nos anos sesenta: “Queremos enriquecer o mundo coa nosa diferencia”, dicía Seoane.
Aquel lugar -no que destacaba a súa escaleira
interior- era como unha casa de conto que cada mes de abril acollía
ilustracións e elementos artísticos elaborados a partir dun novo xénero
editorial: o álbum ilustrado.
Olalla González, Bea Campos, Felipe Díaz Caxo, Luís Prego, Pablo Díaz… son algúns dos contadores e músicos que fixeron de mediadores naquelas primeiras campañas de animación lectora.
Con motivo do centenario de Isaac Díaz Pardo, Bea Campos lembra aquelas actividades alí realizadas.
«Contar contos no edificio de Sargadelos, en Santiago, era algo máxico. Durante toda a mañá achegábanse as nenas e os nenos dos colexios para ver a exposición e participar nas sesións de animación á lectura. Ademais dos pequerrechos, tamén tiñamos a sorte de recibir, case a diario, outra visita moi especial: a de Isaac Díaz Pardo. Aparecía a media mañá. Lentamente, subía as escaleiras, incorporábase á sesión e, coa súa antiga cámara, tomaba ‘algunha fotiño como recordo’, dicía el.
Despois seguía subindo ata o ático da casa, onde
comentaba que tiña un cuarto para traballar e descansar.
‘Quen é ese velliño?’, preguntaban as nenas e os
nenos. Eu tentaba resumir a súa traxectoria -tarefa imposible!- e os máis cativos
sempre chegaban á mesma conclusión: era ‘o señor Sargadelos’.
Apoiada nesta sabia teoría, incorporeina cada día no
saúdo de benvida ao espazo que nos acollía e, como non sabiamos ben cando
chegaría don Isaac, eu contáballes a todos que aquela era a casa do señor
Sargadelos, que fora facer un recado e que ao mellor volvía aínda a tempo para
velos. Deste xeito, cando el chegaba, ninguén se sorprendía, saudabámolo e
sumábase á sesión».
Durante algún tempo, as nenas e os nenos que viñan á campaña recoñecían aquela casa, aqueles obxectos (a cerámica, os libros, os tapices, as mesas de deseño, a cadeira antropomórfica…) que el e os seus amigos inventaran, e que nos prestaba cada ano para contar contos e celebrar o mes do libro e da lectura.
Grazas señor Sargadelos!
Comentarios
Publicar un comentario