DE TAREIXA NAVAZA A ISAAC
Detalle do Santiago Matarratas (deseño de Isaac Díaz Pardo) |
"Xuño 1987.
Entrega dos premios Santiago,
creados por Manuel Lombao, Director de TVE - Galicia, na Capela Real do Hostal
Dos Reis Católicos, para recoñecer o mellor deste País, o máis representativo.
Vinteoito premiados. No apartado FACER GALICIA foron Isaac Díaz Pardo e
Valentín Paz Andrade os distinguidos.
Isaac deseñou o trofeo a recibir,
un marabilloso e vangardista SANTIAGO MATARRATAS, lembrando a Luís Seoane
e o seu poema “As ratas”:
“Na Galiza, ise vello pobo,
carballo carcomido de raios e bestigos,
loita, dende fai séculos,
o home cas ratas.”
Valentín, xa moi enfermo,
empeorou días antes por unha caída no seu fogar. Morreu uns días máis tarde,
sen poder recoller o que sería o seu último recoñecemento.
Unhas semanas despois
desprazámonos a súa casa de Samil: Isaac, Lombao e máis eu para entregarlle o
Santiago matarratas. Daquelas horas tan amenas lembro sempre unha cousa que
dixo Pilar, A GRANDE ADMIRACIÓN QUE VALENTÍN SENTÍA POR ISAAC, a quen
definía coma UN XIGANTE COMPRIMIDO.
Volvendo atrás a cerimonia dos
premios díxenlle a Isaac na presentación, entre outras cousas, que para min era
como un home de película -no acto estaban presentes o director e os actores da
película DIVINAS PALABRAS que se estaba a rodar en Galiza –, un home dese cine
que nos fixo soñar e evadirnos nos tempos escuros, un home coma os
protagonistas de Capra, que loitan pola colectividade, con honestidade e
rectitude, un home como di o noso himno: bo e xeneroso. Sempre cheo de
esperanza.
UN HOME, ISAAC, QUE SOÑOU SEMPRE CON VENCER ÁS RATAS.
Comentarios
Publicar un comentario