De Carlos Valle a Isaac Díaz Pardo

Isaac Díaz Pardo xunto a unha obra súa
(foto de Vítor Mejuto)
Ninguén pode negar a valía intelectual de Isaac Díaz Pardo, como tampouco a de Xosé Carlos Valle Pérez. Este persoeiro da Cultura Galega, até non moitos anos director do Museo de Pontevedra, ten publicado unha morea de investigacións de alto nivel e comisariado non poucas mostras artísticas, cando menos en Galiza e Portugal. Membro da Real Academia de Belas Artes e correspondente das análogas Madrileña e Portuguesa, é quen de participar en inciativas coma a que estamos a promover dende Alentro Esbravexo, pois de xustiza é relembrar a figura de Isaac Díaz Pardo, sen dúbida unha persoa fundamental na Galiza do século XX, en palabras de Carlos Valle "unha irrepetible figura". Velaquí a súa contibución a xeito de manda.

SEMPRE ISAAC

     Coñecín a Isaac Díaz Pardo nos anos setenta da pasada centuria, na miña etapa de estudiante universitario en Santiago de Compostela. Por razóns profesionais primeiro, por lazos fortes de amizade despois, mantiven con el unha estreita relación durante practicamente catro décadas. Uníannos, malia a diferencia xeracional entre nós, intereses comúns no ámbito da Cultura en xeral, non só no sector,máis restrinxido,da de carácter histórico-artístico. Cada un no seu territorio profesional e por motivos diferentes no seu arranque, idénticos, sen embargo, na súa esencia e fundamentos, ocupabámonos e preocupabámonos pola nosa memoria histórico-artística, fose a do pasado máis ou menos remoto, fose a de tempos máis recentes, en boa medida autobiográficos no seu caso.

     Castelao, parte incuestionable da súa paisaxe vital, pois tivo relación persoal con el, motivou moitas e moi diversas conversacións entre nós. Foi Isaac unha das primeiras persoas que soubo por min, en maio de 1999, tras localizar en Chile a primeira, que existían dúas versións manuscritas da única obra teatral concibida polo rianxeiro, Os vellos non deben de namorarse. Cada vez que nos encontrábamos, con tenacidade, sistematicamente, insistíame en que buscase os orixinais do Álbum Nós.El, como tantos outros, estaba convencido de que debían acharse “ocultos” entre os materiais, diversos e moi valiosos, que conformaban a doazón testamentaria de Francisco Javier Sánchez Cantón ao Museo de Pontevedra da súa biblioteca e do seu arquivo persoais, unha e o outro de capital significación tanto para a Cultura galega como para a española do seu tempo.

     Só había un argumento, repetidamente desmentido, sen embargo, polo Museo de Pontevedra, para pensar que esa localización na que el tanto insistía era posible: Sánchez Cantón, daquela íntimo amigo de Castelao (era unha das poucas persoas que se permitía dirixirse a el, como o revela o seu epistolario, co sobrenome familiar de Cervela), foi quen, en Madrid e en 1931,na moi recoñecida imprenta Hauser y Menet,coidou con esmero, ao pé do prelo, de todo o proceso de impresión do Álbum Nós. Este feito, ben documentado e moi ponderado,mesmo enxalzado, polo mimo co que Sánchez-Cantón seguiu o conxunto dos labores de preparación e edición da obra, era o único dato que podía esgrimirse para sospeitar, por descoñecerse o seu ulterior paradoiro, que se quedara cos orixinais, que non llos devolvera a Castelao tras ese traballo de planificación, seguimento da impresión e culminación da súa publicación.

     Non se reparaba, fronte a esa sospeita, no silencio de Castelao, quen nunca desvelou onde se conservaban esas obras ou, se así se prefire, quen xamais revelou quen posuía eses materiais orixinais, un dato que, de ser certa a apropiación indebida, non o ocultaría, pois é ben coñecida a ruptura “traumática” dos lazos “case” fraternais que entre eles existían a raíz da crise que se produce en 1935 no seo do Partido Galeguista e,sobre todo, tras a Guerra Civil.

     O tempo, que todo (ou case todo) o cura, que adoita, así mesmo, servir para poñer as cousas no lugar que lles corresponde, acabou sendo tamén o xuíz imparcial deste desencontro, devolvendo a honra a quen se cuestionaba e explicando así mesmo, por outro lado, o silencio, a ese respecto, de quen, en teoría, debía sentirse agraviado e mesmo espoliado. Na primavera de 2016, no transcurso do proceso de preparación da segunda das “macroexposicións” coas que o Museo de Pontevedra celebrou, por un lado, a dedicación a Castelao , por parte da Real Academia Galega de Belas Artes, do Día das Artes Galegas e conmemorou, por outra parte, o centenario da súa chegada e afincamento na Cidade do Lérez, que pasaría a converterse na “súa Cidade” ( o seu texto “Meu Pontevedra”, escrito no exilio bonaerense, é unha das máis fermosas declaracións de amor non só a unha cidade en particular, senón, mesmamente, con carácter xeral ),foron localizados eses preciosos materiais nun domicilio privado pontevedrés. Coubo a satisfacción de intuír a pista final que propiciou ese achado, perseguido durante décadas dun xeito moi especial por quen, no Museo de Pontevedra,sobre todo, tiña / tiñamos a responsabilidade de “ preservar e difundir” o seu legado, a Mª Ánxeles Tilve Jar, conservadora da entidade e co-comisaria, xunto con Xosé Manuel Castaño García e baixo a miña dirección, da exposición titulada Meu Pontevedra! Castelao 1916-1936.Por decisión dos seus propietarios, estas obras quedaron en depósito no Museo de Pontevedra tras a clausura da mostra. Poden contemplarse hoxe nunha das salas que a el lle están dedicadas no seu Sexto edificio.

Isaac Díaz Pardo faleceu o 5 de xaneiro de 2012. Non puido gozar, pois, da satisfacción pola localización e a ulterior exposición pública dos orixinais do Álbum Nós. Estou seguro, sen embargo, de que no Alén dos bos e xenerosos, xunto cos protagonistas, nunha listaxe agora, obvia e inescusablemente tamén, aumentada, posta ó día, da Santa Compaña inmorredoira da Alba de Gloria escrita, asinada no exilio bonaerense o 25 de xullo de 1948 polo mesmo autor das estampas dese Álbum, Isaac Díaz Pardo festexou tamén ese achado, esa recuperación para o desfrute colectivo e a reflexión, cun sorriso nos seus beizos. Así respondía, sempre reaccionaba dese xeito tan espontáneo cando a ocasión o merecía. Non me cabe a menor dúbida de que ese sería o caso da que me ocupou neste texto, breve pero sentido, de homenaxe a súa inesquecible e,en moitos aspectos tamén, irrepetible figura.

XOSÉ CARLOS VALLE PÉREZ


Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

UNHA MANDA DE ANTONIO QUESADA RODRÍGUEZ PARA ISAAC DÍAZ PARDO

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños