|
Amalia (por Rodrigo Riveiro - Ferraxe de Prata)
|
Rodrigo Riveiro é desas persoas que todo o mundo quere, dende o amical ao profesional (díganllo ás persoas artesás), dende o día a día á fermosura dos momentos creativos. Malia a súa "obscena mocidade" (como di Francisco Pillado Maior), este artista xa foi quen de recibir o Premio de Artesanía de Galicia (2017). A súa vinculación co país vese en coleccións como aquela titulada "Terriña Nosa", onde recolle boa parte dos apeiros de labranza galegos: gallas, angazos, gadañas, sachos, ranqueiros, xugos, cambas... Tamén son destacábeis as recreacións en prata e ouro de varias casas da zona monumental de Compostela ("seguros mutuos Santiago" é como denomina a serie) e que serven para lucir, de xeito faiscante, nas lapelas de moitas persoas que queren levar o país cerca do peito.
|
Amalia (por Rodrigo Riveiro - Ferraxe de Prata) |
Porén, interésanos sobremaneira a colección de "louza", na que lle outorga -tal milagre- unha outra vida a aquelas pezas da vaixela familiar tronzadas ou deterioradas. Mediante un proceso de reciclaxe serven para brillar coma colares, pulseiras, brincos e colgantes. De cerámica de Sargadelos non son poucas as "xoias" (sen dúbida) que ten elaborado, ligadas na tradición e na historia das persoas que, como Díaz Pardo, o precederon e serviron de referencia. A prata é o engarce que o xungue coa cerámica de Isaac, e a alma non resulta ser outra cousa que a emoción que se desprende de xoias tan marabillosas coma estas. Velaquí fica esta alfaia que, no seu MAR de pezas, Rodrigo gusta de chamar AMALIA. E por algo será!
|
Amalia (por Rodrigo Riveiro - Ferraxe de Prata) |
|
Amalia (por Rodrigo Riveiro - Ferraxe de Prata) |
|
Amalia (por Rodrigo Riveiro - Ferraxe de Prata) |
Fermosura!
ResponderEliminarE a mirada sempre no nos: nos nosos apeiros, nas fachadas das casas, na porcelana... Grazas!
ResponderEliminarSeguro que Díaz Pardo e Carmen Arias saberían recoñecer o gran valor do teu traballo.