UNHA MANDA EPISTOLAR DE JUAN FERNANDO DE LAIGLESIA A ISAAC
"Benquerido Isaac:
O primeiro que fixen cando me instalei en Pontevedra para formar a Facultade de Belas Artes foi buscar como poder falar contigo e pedirche a túa opinión sobre o estado da arte na Galiza. Recibíchesme inmediatamente en agosto de 1990 no IGI (Instituto Galego de Información) onde a cociña, as mesas triangulares deseñadas por ti, a sala de reunións, o arquivo e a idea da nosa terra parecían ser o mesmo; toda unha inxección de espírito, un concepto de territorio e unha filosofía de vida. A miña intención era asegurar que houbese un fío condutor dende o Seminario de Estudos Galegos ás Belas Artes na Universidade do Noroeste Ibérico.
Uns meses despois, no edificio do Fogar Provincial na rúa Serra de Pontevedra que acolleu os nacentes anos da Facultade e unha actividade febril e emocionada –alimentada precisamente polos poucos medios dispoñibles–, impartiches unha conferencia o 19 de febreiro de 1990 co tema O problema da arte / industria ante o gran grupo de estudantes que se amorearon na sala máis grande que tiñamos.
Impresionoume sempre a túa decisión radical de deixar de pintar e lanzarte á aventura do deseño para a comunidade, asumindo a industria de Sargadelos. Eu casara en Cambados en 1975 e aínda teño o gaiteiro e a pescantina que me deron en agasallo nesa ocasión, sen saber aínda a enorme forza que alimentara esa empresa.Facultade de Belas Artes Pontevedra - UVigo |
De ti viñeron todas as facilidades para que nesa mesma galería en maio dese mesmo ano se fixera unha exposición dunha colección de 15 construcións que dei en chamar As habitaciones do heroe, cun catálogo que tamén publicou Ediciós do Castro. Non esquecerei como te deteches antes de cada traballo e como sorrías ao ler os títulos dos carteis que pegabamos na parede.
Grazas Isaac por existir. Ti formas parte da miña vida.
Juan Fernando de Laiglesia
Impresionante!
ResponderEliminarUnha fermosa carta que achega unha lección acerca do que se debe facer cando se pon en pé unha Facultade de Belas Artes nun lugar determinado. Dáse fe do recoñecemento que se fai de Díaz Pardo ao pedirlle opinión sobre o estado da arte na Galiza ou ao recoñecer a súa xenerosidade a través da dispoñibilidade para botar unha man cando era necesario (Ediciós do Castro, Galería Sargadelos...).
Cando Juan Fernando de la Iglesia recoñece a Díaz Pardo con esa humildade franciscana e a obxectividade dun home de ciencia, nós recoñecémolo a el. Sabiamos da súa valía, que agora se agranda. Por iso, Juan Fernando, tamén che damos as grazas a ti por existir, porque a Historia non sería a mesma sen ti e sen a xente que coma ti a fan avanzar no sentido da dignidade.
Grazas, de verdade.