UNHA MANDA DE MARICA CAMPO PARA ISAAC
Como o rei Lear
Tería que lle pedir desculpas a Isaac Díaz Pardo por comparalo cun rei, a el que, sen dúbida, era republicano. Porén, coas palabras que Shakespeare pon en boca de Corelia, a filla dilecta de Lear, quero iniciar esta breve manda: “Non somos os primeiros que, obedecendo as intencións máis honradas e querendo obrar ben, caeron nas maiores desventuras”.
Os motivos dun dos galegos máis egrexios do século XX ben se poderían cualificar así, de honrados e cheos de boa intención. Mais sería inxusto deixalos só niso. A creatividade, intelixencia e sinxeleza dunha persoa así, merecen que o xuízo da historia lle sexa –como lle é- máis favorábel que o das leis interpretadas desde a rixidez do xeo.
As súas miras foron Galiza e os galegos e galegas, para facelos grandes e universais desde a arte ao servizo do autocoñecemento, a beleza, e a necesaria materialidade da existencia. Nada máis, nada menos.
E si, como é ben sabido, nos derradeiros anos deste gran home as desventuras tiveron, como no caso do lendario rei de Bretaña, a cor da deslealdade. A traizón de quen lle debía case todo, alentada por quen nunca entendeu nada da grandeza da obra, derrubou os muros do edificio ideolóxico da fábrica.
Tiven moita relación con Sargadelos nos anos oitenta e noventa do século pasado. Vivín e beneficieime da efervescencia cultural daqueles días: Conferencias, teatro, presenza de persoas da cultura, nomeadamente nos Encontros europeos no Camiño de Santiago, cursos de cerámica no verán, ágapes de irmandade nos que o propio Isaac tiña a xentileza de partir e repartir a pescada ao forno. Sería, en fin, imposíbel recontar as moedas de xenerosidade e afecto que nos entregou a tantas persoas.
Non teño vontade de volver polo lugar que fixo máis grande a Cervo. Cando o considero, venme á memoria a canción “¿A qué volver?”, con letra de Marta Mendicute e música de Eduardo Falú:
La casa, ya es otra casael árbol ya no es aquel.Han ‘volteao’ hasta el recuerdo,entonces, ¿a qué volver?
Por fortuna, a memoria e o legado de Isaac son moito máis grandes que o filisteísmo cultural e barbárico dos que hoxe gobernan a nave. E, para que se vexa que o termo é oportuno, deixo aquí a definición que destes conceptos fai a socióloga alemá Hannah Arendt:
Filisteísmo cultural: Interese pola cultura, mais unicamente por razóns de poder e prestixio.
Filisteísmo barbárico: Estado espiritual que xulga todo en termos de utilidade inmediata e de valores materiais e rexeita obxectos e disciplinas próximas á arte.
Marica, ler os teus textos é un auténtico pracer: o que dis, como o dis e sempre o teu sabio xuízo, como neste caso. Un verdadeiro agasallo. Parabéns
ResponderEliminar