Siro, Isaac Díaz Pardo e a arte galega

Estampa que Siro elabora sobre Isaac Díaz Pardo

Resulta obvio que o nivel de produción artística do pobo galego é máis ca significativo na actualidade, que contamos con profesionais da ilustración, da banda deseñada e das artes plásticas en xeral de moi alto nivel. Porén, entre as persoas que máis destacan neste eido -pero que se mergullan igualmente no ensaio, no pensamento e no xornalismo- está Siro. As súas columnas nos medios de comunicación impresos son, as máis das veces, atinadas, sensatas, duras talvez, pero sempre incitando ao diálogo, ao respecto, á crítica construtiva, a transixencia, a tender a man e non morderlla a aquela persoa que fica diante, rival ou non coincidente coas súas ideas.

Isaac Díaz Pardo segundo Siro
Siro escribe coa fluidez e a mestría dun pensador, e ademais elabora viñetas que lanza nos medios cun estilo ético e estético moi propio. Ético porque non gusta de mergullarse nos lameiros da intolerancia para denunciar as fraudes -porén, continúa a ser incisivo-; e estético, porque as liñas que traza para confeccionar unha caricatura, alén de precisas, van ataviadas dunha dobre personalidade: a que lle é propia ao autor, e a que intenta asignar á persoa caricaturizada (amosando o seu carácter e a verdadeira natureza que gasta e se imprime no rostro). 

A súa aposta pola cultura galega constátase naquelas columnas e artigos que ven a luz na prensa diaria (existen autores e autoras que mudan de rexistro lingüístico só por se tratar dese medio de comunicación), mais certíficase con forza nos seus ensaios: Castelao e os nenos (1980), ¿Como debuxar caricaturas? (1991) -verdadeiro manual e alfaia para quen gustamos desa liña artística-, O caricaturista Xosé María Cao (1993)... E por se o ensaio e o xornalismo puidesen parecer recursos escasos para difundir a cultura galega, Siro López aposta tamén por elaborar teatro (Hai que confiar na esperanza) e literatura infantil e xuvenil (Sorrir en Frades). 

Todas e todos nós, os do Alento Esbravexo e tamén as persoas lectoras, sabemos que este autor creou, coma Castelao, unha tendencia e un estilo; do xeito que fixeron e fan outros grandes da arte galega. E pensamos no benquerido Xaquín Marín (ferrolán coma el), en Lidia Cao, Abi Castillo, Kiko Dasilva, Luís Dávila, Leando Lamas, Juanlu Nacha,  Marifé Quesada, Iria Ribadomar, Laura Romero... algúns e algunhas das cales teñen colaborado con este proxecto d'Unha manda de pezas para Isaac.

Por iso traemos hoxe un par de caricaturas que Siro elaborou de Isaac Díaz Pardo, caricaturas que -como quedou referido- transmiten personalidade, carácter, tempo -caducidade e perennidade simultáneas-, sentimentos (a tenrura e o agarimo tamén se desprende dos seus trazos) e compromiso coa identidade dun país atlántico pero tamén cantábrico.

Beizóns e moita arte!

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

Araceli Guillán, Isaac Díaz Pardo, as ilustracións e os meigallos