Paco Boluda e o Guerreiro Isaac

Guerreiro Isaac (obra de Paco Boluda)

Pois o autor de Kallaikos, Paco Boluda, vén de colaborar co Alento Esbravexo para ter na lembranza a Isaac Díaz Pardo. Paco é, entre outras moitas cousas, ilustrador, debuxante, escritor, observador e ten alma de artista, pero artista do país. Varios anos da súa vida pasounos en escavacións como as de Castromao, Santomé, San Cibrao de Las... o que lle serviu para ter un amplo coñecemento da historia creada polos nosos antepasados. E así se reencontra coa Galiza celta, cunha Galiza que marcou identidade ao longo dos séculos e que aínda hoxe -dun xeito ou doutro- perdura en nós, persoas herdeiras do espírito daquelas xentes que nos preceden.

Entrevista fugaz a Paco Boluda

Alento Esbravexo (AE): Quen é Paco Boluda? 

Paco Boluda (PB): "Son debuxante, ilustrador e, de cando en vez, escritor ocasional. Apaixóname a nosa historia e o mundo celta". 

AE: Que buscas coa túa obra?

PB: "Intentar dignificar o noso pasado da Idade do Ferro e que esa marabillosa cultura galaica chegue á xente e conquerir que esta mesma xente a ame tanto coma min".

AE: Que é Isaac para ti?:

PB: "Isaac representa un pouco o ideal de todos os que dunha forma ou doutra andamos metidos nisto do deseño, a cultura e a revalorización do noso ADN". 

AE: Asemade, no que corresponde á túa participación no proxecto Unha manda de pezas para Isaac afirma, para que consideras que serve?

PB: "De cando en vez non vén mal lembrar o seu universo (o de Isaac Díaz Pardo) , e esta é unha boa oportunidade de unha pequena homenaxe a un gran hombre".

AE: Por que a peza que envías ao Alento Esbravexo é un guerreiro celta galego?

PB: "Isaac foi, e seguirá sendo sempre, un guerreiro. Un guerreiro da plástica e da emoción. Un guerreiro pola innovación, a experimentación e a actualización do sentir visual galego".

AE: Como é a creación plástica de Isaac?

PB: "Universal".


Comentarios

Publicacións populares deste blog

Loli Suárez e un café con Isaac

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!