Juanlu Nacha, Isaac e Eu son Balbino

Eu son Balbino (obra de Juanlu Nacha)

E dentro dos valores contemporáneos da ilustración galega tamén contamos cun nome ben recoñecido, o do ferrolán Juanlu Nacha (Juan Luís Fernández Pérez). Especialista en arte e deseño gráficos, os seus pasos máis firmes no mundo da arte comezan a ser debuxados nas rúas de Compostela, aló polo ano 1999. Como pasa con outros autores e autoras, inspírase no mundo rural, no mariñeiro, na música e nos símbolos nacionais galegos; e é quen de empregar as técnicas clásicas para logo (non quixese dicir melloralas) actualizalas aos gustos actuais por medio de ferramentas dixitais. 

Aí quedan as súas versións d'O bico de Klimt (Der Kuss), a Monarrisca (ou Mona Lisa), as Feirantas de Seoane, as caricaturas de Castelao e Rosalía de Castro... Pero esa cultura que deseña, estampa, anova e recrea... é quen de trasladala á bisutería, aos complementos do bo vestir. Pois das nosas orellas pode pendurar Balbino, pode brillar Rosalía; e entre as chaves do portal e do garaxe brilla incluso a estreleira ou asexa a faciana de Castelao...

Eu son Balbino (obras e deseños de Juanlu Nacha)

En Juanlu destaca, sobre todo, a orixinalidade, as cores vivas, a cultura popular e nacional como sustento ético e estético que busca elaborar novas imaxes para un país e as súas xentes que son tradición e modernidade, Atlántico e Cantábrico, mitoloxía e realidade, poesía e industria do metal...

Co Alento Esbravexo quixo colaborar e traer até aquí a estampa que deseñou de Memorias dun Neno Labrego: unha nova lectura da imaxe que Isaac Díaz Pardo realizara para a obra de Xosé Neira Vilas. Non diredes que non resulta ben fermosa, que segue a trasladar a esencia do país! Quizais temos nas fosas nasais o recendo a herba, a ozono e terra labrada. Pois o pincel e rato inalámbrico de Juanlu seguen a crear regos nos eidos fértiles desta Terra (a Nosa!).

Saúde e beizóns!

Eu son Balbino (obra de Juanlu Nacha)


Comentarios

Publicacións populares deste blog

Loli Suárez e un café con Isaac

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!