Dende Australia... Xavier Fraiz, o avó, Isaac e as estrelas

 


Logo de percorrer varios lugares, de darlle unha volta ao mundo ao tempo que lle dá unha volta á vida, logo de ficar por Grecia e instalarse dende hai uns anos en Australia, sempre vimos a Xavier Fraiz Arca pola Estrada, por Cuntis, pero sobre todo por Compostela, cidade e berce que o arrolou dende 1984. O seu gusto pola lingua e o patrimonio cultural da Galiza Sempre está canda el, tal verdadeiro entusiasta e defensor que resulta ser. Os intereses polo acervo cultural do país ondean no mastro da súa vida... 

E dende aló, ao pé do famoso auditorio de Sidney, envía a súa manda xa que non podía deixar de colaborar co noso proxecto. Ao final, as persoas do Alento Esbravexo formamos parte dunha familia ben acaída na que aceptamos -sen dúbida- a todas aquelas que gasten os versos que Curros lle dedica a Rosalía:

"Do mar pola orela
mireina pasar
Na frente unha estrela,
no bico un cantar
".

E diso vai a súa manda, de estrelas. A emotiva imaxe que nos envía acompáñase dunha acaída reflexión: "Isaac Díaz Pardo é unha estrela brillante no firmamento, que ilumina a quen se achega a el. A pesar da súa polifacética xenialidade, o exemplo da súa humildade fainos mellor persoas. Grazas, Isaac".

A súa é unha imaxe dun avó que colle da man a un neto, chámese aquel Isaac, Andrés ou Olimpio. E o cativo -Daniel, Aleixo ou Xavier- cuestiónalle ao avó o brillo celeste... A estampa, de lectura limpa, nidia e directa, tamén gusta das metalinguaxes: de segundas e terceiras lecturas. Quizais os personaxes fican ao pé do Castro de Sada, mais tamén poden ficar ao pé de Castrolandín co propósito de contar estrelas nun día de San Xoán.

"¡Ai, dos que levan na frente unha estrela!
¡Ai, dos que levan no bico un cantar!
".



Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

Xoán Andrade, Isaac Díaz Pardo e o Laboratorio de Formas

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños