Correa Corredoira, Isaac Díaz Pardo e os símbolos primixenios

Isaac D. Pardo (obra de Tono Correa Corredoira)

Aínda que xa saiu ao público esta estampa, concretamente nos números 19-20 da revista Luzes de GaliZa (1992), hoxe o seu autor, Tono Correa Corredoira, tráenola para honrar e facer memoria de Isaac Díaz Pardo, por aquel ano nomeado Doutor Honoris Causa pola Universidade da Coruña.  

Correa Corredoira é, sen dúbida, unha das persoas do mundo da arte galega máis renomeadas e relevantes. Aínda que alguúns e algunhas de nós coincidimos con el nas redes sociais ou en grupos comúns, como nese no que se lembra ao chorado e benquerido Anxo Rei Ballesteros, ben sabiamos da obra plástica de Correa Corredoira, da súa pertenza a aquel fugaz grupo de artistas chamado Atlántica, por onde ficaba tamén Berta Álvarez Cáccamo, Menchu Lamas, Antón Lamazares, Antón Patiño e outros...

Pintor, escultor e gravador... mergúllase nesta última disciplina mercé dunha bolsa de estudos que o Ministerio de Cultura lle concede para viaxar a México, terra da que namora de vez (sobre todo no que concirne ás culturas autóctonas ou precolombinas). Comentan os entendidos que a súa tendencia expresionista bebe dese mundo auténtico iberoamericano, como tamén o fai do manancial matrio que o viu nacer: a súa propia terra. Mais non esquezamos que Tono é un pintor galego, que reivindica a presenza das artes plásticas do país dende unha perspectiva auténtica e nacional, cunha linguaxe forte, dinámica e con raiceiras que se introducen na propia idiosincrasia da Galiza. Alén das exposicións que montou (algunhas tamén por Madrid, Catalunya, Lisboa...), cómpre resaltar que moitas das súas pezas fican en museos como o Carlos Maside, Castrelos (Vigo), CGAC, Reina Sofía, MACUF, Bello Piñeiro (Ferrol), Belas Artes da Coruña... e tamén no Parlamento Galego, na Deputación da Coruña...

Procedente do mundo dos números (velaí os seus estudos en arquitectura) tamén está versado nas letras, pois conta con varias obras literarias de elevado interese. E aínda que algúns gustamos do ensaio (lémbrese o seu Pintor por Italia) resulta máis ca recomendábel os seus libros de poemas: Os días adiados (2009), Resina de poliéster (2013) e Cantar de corpos (2018).

Pero volvamos á obra que nos achega para lembrar a Isaac Díaz Pardo. Nela vemos dúas figuras antropomorfas (Isaac e a súa musa, talvez), acompañadas de simboloxía propia do país que o mesmo Díaz Pardo -herdeiro dos artistas das Irmandades da Fala- asume de seu: o labirinto, a espiral, a ferradura, a vieira, a estrela, a folla de carballo... E detrás de todo este conxunto, sobre as pólas dunha árbore, asexa a sabedoría, o coñecemento, a intelixencia... representadas por un moucho de ollos tan abertos como os propios que debuxaba Isaac, como aqueles nos que tamén se mira o propio Correa Corredoira.

Beizóns, saúde, moita arte e que a Rosa dos Ventos nos indique cal debe ser o noso rumbo!

Isaac D. Pardo (obra de Tono Correa Corredoira)






Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

Xoán Andrade, Isaac Díaz Pardo e o Laboratorio de Formas

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños