Xosé Luís Santos Cabanas, os ollos de Isaac e a besta

Isaac e Mimina cabo do fito que lembra o asasinato de Camilo Díaz Baliño
e Sixto Aguirre Guerin un 14 de agosto de 1936 (foto: Xosé Luís Santos Cabanas)

O secretario da Asociación A Oliveira (Teo), nomeadamente Xosé Luís Santos Cabanas, fainos chegar unha manda que titula Os ollos de Isaac. Nela relata o acontecido o 15 de abril de 2007 cando, presente Díaz Pardo, asiste ás xornadas que o devandito colectivo deu en chamar Enrique Líster, a longa viaxe dun home de Ameneiro

Sixto Aguirre, debuxo que Camilo Díaz
Baliño elabora na Falcoa (1936)
Curiosamente, algúns de nós -membros do aínda non nado Alento Esbravexo- estabamos alí presentes, coincidimos con amizades neses multitudinarios actos, eses que aínda non somos que de ceibar da retina (será porque non queremos que así sexa! Cómpre conservarmos a memoria). 

Santos Cabanas -escritor, poeta, persoa afábel e admirábel- tamén advirte dunha outra data, aquela de 2010 na que se inaugura un fito conmemorativo coa súa correspondente placa. Alí aparecen gravados os nomes de Camilo Díaz Baliño -pai de Isaac- e Sixto Aguirre, furtados da vida pola besta que ergue a cabeza no trinta e seis.

Por outra banda, Xosé Luís convídanos á reflexión e a que tomemos partido contra a barbarie (quizais se ulisca a súa presenza por algures)!

Beizóns, saúde e república!


Os ollos de Isaac

Os grandes e expresivos ollos que te miran desde os cadros do Isaac Díaz Pardo que non quixo ser pintor (e que, a pesar diso, ao meu xuízo foi, entre outras moitas cousas, pintor dos grandes), estaban o día 15 de abril de 2007 debaixo dun pano da man que colocara na súa cabeza, despois de el improvisar un gorro anoando as puntas.

(falo dos ollos dos cadros de Isaac porque cando por primeira vez os vin mirándome desde o lenzo pensei na mirada do pintor o día que a Besta levou a seu pai cara a morte nunha gabia)

Ía moita calor para ser un día de primavera. 100 anos despois, estabamos diante da casa onde nacera Enrique Líster, militante comunista, coronel republicano e xeneral de exércitos antifascitas, nun dos actos das xornadas celebradas no seu centenario, co título "Enrique Líster, a longa viaxe dun home de Ameneiro", organizadas pola Asociación A Oliveira de Teo. Íase descubrir unha placa na lembranza do canteiro que soñou e loitou por un mundo mellor.

Isaac Díaz Pardo non podía faltar. Mentres a maioría das e dos asistentes procuraban unha sombra para protexerse do sol que requentaba o asfalto, os 87 anos de Isaac estaban na primeira liña do acto, sen facer caso dos consellos de que se retirase a un espazo onde a temperatura fose algo máis agradable. A banda de música da Sociedade Recreativa de Calo tocaba por primeira vez na súa historia a Internacional, na adaptación para instrumentos de vento que traballara a violinista Laura Quintillán. Isaac escoitaba suando a cachón, cos seus ollos moi abertos e cun sorriso nos beizos.

Isaac Díaz Pardo tamén non podía faltar nos encontros que se celebraban cada agosto no lugar do concello de Palas onde asasinaron a seu pai, Camilo Díaz Baliño e a Sixto Aguirre Guerín. Alí o temos por exemplo 74 anos despois dos feitos, no 2010, cando se entoñou na terra unha pedra, cunha placa que lembra as dúas vítimas. Velaí a constancia gráfica:

Isaac ao pé do monumento que advirte que aí mataron ao seu pai e a Sixto Aguirre
(fotografía de Xosé Luís Santos Cabanas)

Os ollos do Isaac da foto miran serios e emocionados a placa que lembra o seu pai e o seu compañeiro de "paseo", e eu volvo acordarme dos ollos que nos fitan desde os seus cadros.

Non lles parece a vostedes que estes ollos insisten en que apañemos o seu exemplo, reclaman que sigamos traballando para cabal e comunalmente coñecer o noso pasado para camiñar cara a un futuro noso? 

Eu penso que aínda máis nestes tempos nos que a Besta volve rebulir á vista de tod*s.

Xosé Luís Santos Cabanas, primeiros días de agosto de 2020.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

Xoán Andrade, Isaac Díaz Pardo e o Laboratorio de Formas

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños