Xosé Antonio Arias (Xermolos), Isaac e unha ducia de monllos
![]() |
Unha ducia de monllos no medeiro (peza de Xosé Antonio Arias) |
Falar da Asociación Xermolos da Terra Chá é ter que afirmar que existe un colectivo humano que foi que de dinamizar, por enriba das institucións e as administracións públicas, un concello e incluso unha bisbarra. Esta nace en 1977 ao se reunir un grupo de rapazas e rapaces ao redor dunha persoa non só especial, senón incluso necesaria, como é Afonso Blanco Torrado, de quen temos falado en non poucas ocasións. As persoas que xa peiteamos cabelos ruzos non podemos ignorar aquel "Galicia canta ó neno", certame poético de nadal que foi o preámbulo deste colectivo. Logo de arrincar con forza, nace o Festival de Pardiñas (1980) que aínda na actualidade se celebra, xermolan libros, agroman revistas, agrelan actos e concursos... e todo tendo á lingua como codia e cerna.
En 1987 homenaxéase dende este colectivo ao poeta Xosé María Díaz Castro (autor de Nimbos e da famosa composición "Penélope"). Con el, e ao longo de moitos anos, colaboran numerosas persoas do mundo da escrita, referencias ineludíbeis da literatura contemporánea e do compromiso con este país que tamén intentou erguer Isaac, malia todos os atrancos, pegas e estorbos... malia tecer e destecer o que xa era un pano ou unha tea feita.
Da Asociación Cultural Xermolos forma parte Xosé Antonio Arias, que nos trae unha peza pictórica (en branco e azul) que rememora ao noso homenaxeado: "Unha ducia de monllos no medeiro. En homenaxe a Don Isaac Díaz Pardo no centenario do seu nacemento".
Mil grazas Xosé Antonio, saúdos á familia chairega que sempre ben nos acolle e sempre ben nos convida a estarmos, sermos e vivirmos dende o país.
Cómpre deixar pegadas firmes no camiñar, non borrar as pasadas dun compromiso patrio para non sermos lameiro, borralla ou continuar co oficio frustrante de Penélope (tecer e destecer, cardar a la da memoria e esfiañala de novo).
Penélope
UN PASO adiante i outro atrás, Galiza,i a tea dos teus sonos non se move.
A espranza nos teus ollos se esperguiza.
Aran os bois e chove.
Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mol como unha uva.
Pro ti envólveste en sabas de mil anos,
i en sonos volves a escoitar a chuva.
Traguerán os camiños algún día
a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, Xesús María!,
e toda a cousa ha de pagar seu desmo.
Desorballando os prados coma sono,
o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.
Un paso adiante i outro atrás, Galiza!
Comentarios
Publicar un comentario