Un poema Manuel López Rodríguez para Isaac



"Estimados compañeiros:
Despois de chegarme notificación paso a enviarvos o meu poema colaborativo para o proxecto de homenaxe a Díaz Pardo. O meu nome é Manuel López Rodríguez (...)". Estas son as primeiras liñas que nos fai chegar o autor da composición lírica que abaixo se reproduce, os versos dun poeta moi coñecido no noso país, pois a obra de Manuel López Rodríguez foi galardoada recentemente no Concurso de Poesía do Concello de Carral (na súa XXIII edición). 

A isto súmaselle o Premio de Poesía Suso Vaamonde (XIV edición), o segundo premio do Leiras Pulpeiro de Poesía, o primeiro tanto do López Ardeiro como do Eduardo Pondal e un accesit no Francisco Añón de Outes. Conta coas obras Antítese nativa (2008), Rompe (2020), Desde onde non nace (2020) e Vangarda ule (2020).

Estamos pois diante dunha das referencias obrigadas da poesía galega máis actual. Na súa obra, segundo algúns críticos, destaca a súa madureza literaria, a riqueza léxica e o seu característico estilo... Isto poderémolo comprobar neste poema en homenaxe a Isaac Díaz Pardo, polo que só nos resta -dende o Alento Esbravexo- trasladar a Manuel López Rodríguez o noso máis sincero agradecemento e o desexo dun futuro fértil no eido das letras. Saúde e velaquí fica a súa composición.



Deixei de procurar, canso da néboa que o corpo avellenta,
o óleo nos museos, o signo na cunca, o
compromiso na enruga.

E unha raiola delimitou o espazo atravesando o van.
E unha

raiola delimitou a conversa interrompendo,
extremidade en poste, o
dedo
acusatorio
e despois o silencio (aló onde xantamos).

Arrepentídevos entón.

E unha raiola bateu nos ollos meus cegándo(me).
E unha raiola bateu nos ollos meus. De-
contado o vento arrincou o poste, ergueuno
para o desfrute propio. Foi
bater na xanela de cristal da casa dos
bisavós.

Nunca tan limpa e transparente a fonte 
auga trouxo desde o noso beber.


Manuel López Rodríguez

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

Xoán Andrade, Isaac Díaz Pardo e o Laboratorio de Formas

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños