María Leyra, Isaac Díaz Pardo, e Xosé Leyra Domínguez
![]() |
Os artistas Xosé Leyra e Isaac Díaz Pardo |
Entre os membros fundadores da Asociación de Artistas Ferrolanos destaca a figura de Xosé Leyra Domínguez, correspondente da Real Academia Galega e da homónima de Belas Artes. Compatibilizou, ao longo da súa vida a produción artística co labor literario, e neste último eido podemos subliñar aquelas obras tituladas En torno a Pablo Iglesias (1995) e Xacobe e Prisciliano (1997). No seu oficio de pintor destaca como paisaxista, con teas de fabuloso colorido e composicións equilibradas, costumistas, de pinceladas interesantes, con personalidade e paleta ben surtida...
A súa neta, María Leyra Fernández Labandera, autora desta manda que recorda a Isaac e ao seu avó, sinala: "Coñecín a Isaac entregándolle o manuscrito Xacobe e Prisciliano do meu avó. Remexendo nas súas cartas atopei algunhas de Díaz Pardo. Envíovos tamén algunhas fotos deles xuntos. Seguramente teña máis cartas porque algunhas aparecen nas páxinas dos libros da súa biblioteca (...). Agardo sexan do voso interese".
O que se desprende desta manda de María Leyra non só é a admiración polo seu avó senón, igualmente, por Díaz Pardo. De aí que tamén afirme que "hai quen di que a beleza é cuestión de gustos! Non é certo, Sargadelos é un universal estético. Conservamos as pezas rotas como os xarróns chineses, deixando a pegada das feridas do tempo. Nin esnaquizado deixa de ser fermoso". E a verdade é así... Sargadelos (o de Luís Seoane e Isaac, os que enxergaron ese proxecto cultural, identitario, empresarial...) si é único, imperecedoiro e está escrito na historia cultural e artística deste país.
Por outra banda, gustaríanos agradecer dende o Alento Esbravexo a xenerosidade de María Leyra ao nos facilitar copia deses documentos (correspondencia epistolar) de Isaac Díaz Pardo con Xosé Leyra Domínguez, pois certificamos como aquel, aínda nos anos fríos da ditadura, segue a facer uso do idioma galego de xeito cotián. Dende O Castro de Samoedo (o 15 de agosto de 1956), Isaac advirte de Leyra que "non se comprende como tendo ti tanto talento mintes como un condenado pra facer creer que eu, probe industrialiño, sei pintar. A aneidota da pirmeira autoridade é antoloxiabre. E da única cousa que enceto a gabarme; de ser espanta-paxaros".
Velaí a retranca tan característica de Isaac, velaí a modestia que sempre o caracterizou, o ánimo de eloxiar aos demais e o espírito de divulgar a identidade e patrimonio nacional galego. Fermoso ensaio sairía da análise destas cartas e doutros documentos intercambiados polos artistas. Entrementres, fican aquí as imaxes que nos facilita María Leyra, un acto realmente de amor e xenerosidade coa arte galega e a memoria. Beizóns!
Comentarios
Publicar un comentario