Manolo Figueiras, Isaac, Seoane e Bos Aires
![]() |
Isaac e Luis en Buenos Aires (taboa de Manolo Figueiras) |
Sobre táboa e en técnica mixta chega esta obra de importantes dimensións, concretamente de 52 por 40 centímetros. O seu autor, Manolo Figueiras, nado en México pero criado en Ourense, é un pintor moi recoñecido cando menos no panorama galego, tanto é así que houbo alguén que no seu día o cualificou de "humanista".
Gusta moito de elaborar pezas que recrean un cadro clásico dentro do seu propio lenzo-xanela ("cadro dentro do cadro"), polo que achega novas lecturas -interpretacións, chiscadelas, suxestións- de teas clásicas do renacemento, das vangardas... Alén disto, resulta ser un apaixoado do retrato, mais con visións por veces psicanalíticas, de aí que incite a se mergullar en diálogos ás veces críticos (e incluso crípticos), ás veces surrealistas e, por que non!, tamén obvios...
Múltiples son as técnicas que emprega, chegando incluso ao apoixoante e difícil universo do gravado. Recomendamos, a este respecto, a serie de Edipo e a esfinxe (2016), mais queremos traer até aquí a obra Os contos da avoa Pepa (2019), de Francisco X. Fernández Naval, da que Manolo Figueiras é o seu ilustrador. Algún catálogo das súas mostras conta con textos de Mercedes Rozas, analizadas dende un punto de vista profesional e profundo.
Porén, hoxe achegamos a súa obra Isaac e Luis en Buenos Aires, na que recrea unha escena cotiá nun café bonaerense onde puideron coincidir ambos artistas. Siluetas desdebuxadas no fondo do lenzo, axedrezado no chan para simular as baldosas (e certa perspectiva aérea), desproporción dos elementos auxiliares (cadeiras, mesas, louza...) co obxecto de resaltar os protagonistas e un bosquexo sobre papel que, o mestre de Sargadelos, comeza a trazar con pulso firme... é o que de principio nos entrega esta fantástica obra de Manolo Figueiras que, sen dúbida, precisa de varias lecturas máis para tirarmos conclusións -cando menos- un pouco máis precisas e atinadas. Ocres, torrados, grises azulados, cores tella... constutúen a paleta deste mestre das artes plásticas actuais.
Beizóns e mil parabéns dende o Alento Esbravexo.
![]() |
Isaac e Luis en Buenos Aires (taboa de Manolo Figueiras) |
Comentarios
Publicar un comentario