Francisco González Piñeiro e Isaac-Galiza

Autorretrato de Isaac Díaz Pardo

Francisco González Piñeiro fainos chegar unha manda que lembra os triunfos e "derrotas" de Isaac Díaz Pardo, identificando a este fillo da Galiza coa propia nación (Isaac é Galiza!), do mesmo xeito que outras persoas teñen feito ao antropomorfizar o país coas figuras de Rosalía, Pondal, Castelao, Bóveda... e outros. 

Trátase este agasallo dun texto sentido, emotivo e sincero co que o propio autor reivindica a presenza do homenaxeado, e fai non tanto chiscadelas senón máis ben referencias explícitas ao himno galego, reiterando a presenza nacional daquel que ergueu a bandeira da memoria. Alén diso, o autor non se revolve dende a rabia por mor da inxustiza, pois alerta que será o tempo o último que fale!!

Beizóns, Francisco e que chegue o tempo...


Dende a altura dos teus ollos


Dende a altura dos teus ollos, por enriba da mañá e o que queda das túas pegadas; máis alá da propia vida, fuches Terra da Terra, traballo que fixo do teu sorriso e esforzo: Galiza.

E pra min ti es o meu país; o meu acento;  a herdanza do que significou o amor á Terra e ao traballo incansábel por ela; por todos nós.

Ti es Galiza, e nós parte das túas mans que nos fixeron medrar e medrar; loitar, gañar e perder; ver con ollos grises do pasado a mágoa de dar todo por perdido bosquexando o sorriso de que todo está por chegar.

Fuches e es raíz. A máis pequena. Talvez non a máis profunda que se alonxa do teu tronco en primavera e nas portas do inverno; séntese máis preto pra te ver adormecer.

E es a parte da saiba e os teus acentos, e a chama que rexenta pra se deixar, pra encher un océano, un alado bosque de mandrágoras.

Es a infinita parte dos intrépidos que te calman nun berro de mans escollidas e apreciadas polo tempo; solícitos dedos emancipados de varón e sangue; orfebres dedos que fixeron de ti, home; muller e neno, bebida e alimento!

Fuches nun renacido bypass que fixo de ti, nas túas mans, Terra barroca nos seus alcumes, e lembranza diaria nos seus  oficios!; alalá xordo que replicaba nos campos aínda orfos dunha sacudida feita de agarimos e loita diaria, e moitas veces –demasiadas– esquecida nestes tempos de pandemias; sacrificios e solidariedade tramposa e que subiu por lo chan das beirarrúas a lume de carozo pra se perder na choiva dun mes de xullo.

Isaac, ti es Galiza! Xente que vive a costas do mar cando o norte fai dos queixumes dos pinos un cantar de retirada e de xente que leva nas súas caras o sal e a escuma dunha viaxe entre as ondas e sortean as gaivotas que agochan nas redes o momento de voltar á Terra e aos pantaláns.

Hai moito tempo, cando aínda eu era un neno de pantalón curto e bocadillo de nocilla nun peto cando escoitei: “meu amigo, deixa que fale o tempo; sempre di verdades e ás veces sacode as ramas pra deixar as súas verbas pra quen as queira ler”

Isaac sacudiches moitas pólas e séguelo facendo.

Magoa dun pobo que, demasiadas veces, se segue a comportar coma unha nación de analfabetos.

 

Francisco Javier González Piñeiro


Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

Xoán Andrade, Isaac Díaz Pardo e o Laboratorio de Formas

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños