Dende o Alento Esbravexo seguimos: 200 mandas!



Vivimos un 2021 que, de momento, barrunta vai ser tan atípico coma o 2020, con inquedanzas, desasosego, preocupacións por un mar de aspectos que teñen que ver coa saúde, a sanidade, a educación, o idioma... 

Porén, dende a esparanza, non se pode cear a marcha do navío comunitario e deixar de realizar proxectos culturais que fortalezan a nosa patria (a dos afectos, identidades e realidades culturais amais de políticas). Pois as persoas que viven para o idioma (e non del, moito ollo!), a sociedade, a literatura, a arte, a artesanía... non se resignan a pór o freo, senón que continúan -aínda con borrascas e inclemencias da singradura e sangradura actual- a reconstruír e erguer país, con optimismo, izando as velas cara a un novo progreso e a aproando as intencións cara aos portos dun futuro solidario e humano. 

Persoas coma Isaac e Seoane non foron quen de se render malia as dolorosas circunstancias que viviron e incluso padeceron, malia os reveses e as puñadas... A constancia e a convicción constituíron neles as trabes mestras da fortaleza que os caracterizaron. 

Por iso debemos lembrar certas efemérides -aínda que non todas, abofé- que se cumpren neste 2021. 

  • Fanse 85 anos do golpe fascista e da conseguinte guerra (in)civil, mais tamén nese tempo Isaac Díaz Pardo -dende a flámula do galeguismo- axuda a promover o Estatuto de Autonomía da Galiza (somos quen somos tamén GraZas a el!).
  • Cúmprense 65 anos da publicación, en Bos Aires, d'Unha presa de dibuxos feitos por Isaac Díaz Pardo de xente do seu rueiro. A sociedade do común sempre está presente na súa obra.
  • Hai 55, Maximino Brocos (pseudónimo de Luís Seoane) e Santiago Fernández (Isaac Díaz Pardo), lanzan dende os tórculos de Ruedo Ibérico (París) a obra Galicia Hoy. (Re)Existencia e resistencia, con memoria e sen resignación!
  • Hai 45, Isaac recibe o Pedrón de Ouro, cuxa fundación homónima noméao Presidente de honra hai 15 anos.
  • Xa van 30 dende que a Universidade de Santiago de Compostela lle concede a Insignia de Ouro, e 20 da inauguración do Monumento aos inmolados no Campo da Rata (A Coruña), os mesmos que cando é nomeado arquitecto de honra polo Colexio de Arquitectos de Galicia.
  • Do almanaque tamén se desprendeu aquela folla, que marcaba o ano 2006, cando na lapela de Isaac se espetaba, preto do corazón, a Insignia de Ouro do Museo do Pobo Galego...

Mais alén de todo iso, hoxe concretamente tamén celebramos a nosa pequena (pero emocionante efeméride), hai 200 días publicabamos a primeira manda deste proxecto, coordinado e impulsado por un Alento Esbravexo que nacía da necesidade, das boas intencións e do compromiso cultural co pobo galego.

Gustamos de bautizar o noso primeiro proxecto co rótulo "Unha manda de pezas para Isaac". E dende aquela, case medio ano de traballo diario (con altruísmo e sen recursos), duas centas foron as mandas publicadas, aínda que moitas máis as persoas e institucións que colaboraron nesta idea. Idea de memoria e recoñecemento que nace do pobo, que é do pobo e serve para honrar a un fillo del, a Isaac Díaz Pardo.

Por iso, por outras persoas, pero sobre todo por el, continuaremos a publicar máis mandas. Isaac non se detivo, nós... tampouco!!



Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

Xoán Andrade, Isaac Díaz Pardo e o Laboratorio de Formas

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños