Cris Bamio, Isaac e A Barca de Caronte

A Barca de Caronte (obra de Cris Bamio)

Hoxe é a quenda doutra artista, concretamente de Cris Bamio. Ela entregounos unha peza que bebe dun bosquexo elaborado no seu día por Isaac Díaz Pardo, reinterprétao e resalta as liñas que considera imprescidíbeis. Porque Cris Bamio é, sobre todo, unha artista visual, con mostras ben interesantes instaladas hai tempo e outras de non hai moito. Lembramos aquela titulada Esencia que se montou no Atelier de Fotografía (Coruña) ao longo do mes de novembro do ano pasado. Algunhas das imaxes desa mostra xa se viron en Munich (2012) no Kultural StuStaCulum... Participou, asemade, na mostra colectiva Creativas Galegas (Museo do Pobo Galego - 2020) etc., etc. 

En relación coa súa produción cultural, a súa obra flúe do debuxo á pintura, da pintura á fotografía e, segundo ela, ultimamente, nunha especie de peripecia artística funde fotografía e pintura e desfai lixeiramente unha desas marxes nas que ás veces adoita asentar a arte.

Nada alén do Atlántico (concretamente en Maracaibo - Venezuela, por ser filla de emigrantes galegos) foi reclamada hai anos polas súas raíces galegas, o que xera unha peculiar mestura que ás veces atravesa a súa obra (do exótico do Caribe, ao endóxeno da Nosa Terra)

Vemos, por conseguinte, que é unha artista consolidada e recoñecida, que foi quen de divulgar asemade polas redes sociais a iniciativa do Alento Esbravexo ("Unha manda de pezas para Isaac"). Sobre a que elabora co proposito de honrar a Díaz Pardo sinala:

"Son Cris Bamio (Cristina Mejías Bamio, recentemente mudei a miña marca) e vivo en Rábade-Lugo. Son artista visual e encantoume a vosa iniciativa. Inspireime no 'Boceto da Barca' de Isaac Díaz Pardo. É un debuxo a plumiña sobre superficie impresa con sombras do orixinal sobre papel acuarela. Agardo que vos guste  (...)".

E ben que gustamos dela, e ben sabemos do agarimo co que se fan estas pezas. Por iso non só nos resta aplaudir o seu traballo e agradecer a colaboración, senón darlle de novo voz para que explique o que supuxo para ela a obra de Díaz Pardo.

"Cando descubrín este Boceto da Barca visionei a Barca de Caronte transportando as almiñas dun lado a outro lonxe xa da vida, almas no medio de augas batidas sin posiblidade de retorno. Fíxome meditar sobre o porqué D. Isaac debuxou este boceto dentro do imaxinario dunha idea que quedou só niso... Imaxinei liñas en repetición, flotantes sobre as ondas do soño eterno da morte. Dramaticamente harmónicas guiadas por unha deusa como mascarón para apaciguar as tormentas desta viaxe...".

Que gusto nos outorgan estas palabras, pois cando se sabe explicar ben unha peza ben recende o mar, pois cando se sente e vive o que se fai, ben sentimos os pés na Terra, aínda que esta manda teña que ver co paso ao alén, ese que cohabita connosco no aquén!

Beizón Cristina, e mil grazas.

A Barca de Caronte (obra de Cris Bamio)


Comentarios

Publicacións populares deste blog

Loli Suárez e un café con Isaac

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!