Francisco Pérez Villanueva (Quico), Isaac, as bruxas e as curuxas

Bruxa Curuxa (obra de Quico)

Pois se dicimos a verdade, hoxe estamos moi gustosos en publicar esta manda xa que está formada por dúas imaxes dixitais, ao noso ver, fantásticas. E cando unha cousa gusta, non custa traballo ningún falar dela. Realmente son dúas ilustracións elaboradas por Francisco Pérez Villanueva -"Quico" e que rotula conxuntamente como "Bruxa Curuxa". 

Bruxa Curuxa (obra de Quico)
Non sen intencionalidade emprega nunha as cores clásicas da cerámica de sargadelos: azul ("cobalto"), vermellón e amarelo. A outra só é azul o que destaca sobre un fondo totalmente branco, co risco que un corre ao ter un fondo dese tipo. En ambas domina a liña, cuxo protagonismo por veces se complementa coas superficies planas, quizais con claras chiscadelas á obra de Seoane. Sendo coherentes, ambos elementos -liña e superficie- gozan de importancia individual e conxunta, a que se ve auxilida para xerar a tridimensionalidade cunha tenue "pincelada" malva. Isto no que respecta á estampa polícroma, pois a restante tamén se confecciona como máis ca suxestiva. Nela só existe a liña azul, unha liña que de trazo firme e decidido que racha cos lindes naturais da estampa para xerar sensacións obvias: continuidade e, outrosí, dinamismo.

Pero o propio Francisco Pérez Villanueva achega uns comentarios de certo interesantes:

"Estas obras están inspiradas nas bruxas que deseñou Isaac Díaz Pardo para Sargadelos. Sempre me gustaron esas figuras. Especialmente polas curuxas que están nos lombos das bruxas. Son uns deseños moi modernos. Quixen levalas ao meu estilo. Isaac debuxaríaas cuns ollos ben grandes e as curuxas serían case un garabato. Pero se as fixese así parecería unha mala copia do seu traballo. Un traballo que a día de hoxe segue estando varios anos por diante de todo o que eu podo facer. Unha inspiración, sempre".

Bruxa Curuxa (obra de Quico)
Atinadas son estas reflexións, ao mesmo tempo que ateigadas de certa humildade por parte do seu autor. Mais se somos correctos cómpre sinalar que Pérez Villanueva ten un espazo na ilustración galega actual. Lembramos con admiración a súa obra Cadáver exquisito e, ademais, aqueloutra titulada Ítaca, recoñecida co Premio Virxinia Pereira de Banda Deseñada (2017). Tamén conseguiu o Primeiro Premio no concurso de banda deseñada Ágora Cultural de Lugo e, asemade, o mesmo galardón na "Tira por los Derechos Humanos" no que atende á liberdade de expresión... Xustamente nese dereito, o dereito a expresarse e falar libremente, tan en entredito estes días por razóns que teñen que ver co rap e o hip-hop. Dende o Alento Esbravexo, alén de aplaudir a obra e a manda de Quico, queremos estender a nosa solidariedade a Pablo Hásel: falar, cantar, rapear, denunciar... non é delito; delito é roubar, estafar, subornar, evadir impostos e condenar a alguen por facer uso da palabra! 

Lembramos a Celso Emilio, que aínda que non rapeiro, tamén nos ilustrou co seu verbo. Acompañámolo coa música hip-hop(eira) de Dios que te crew. O verso, hoxe rapeado, soa así:

Lingoa proletaria do meu pobo
eu fáloa porque sí, porque me gosta,
porque me peta e quero e dame a gaña
porque me sai de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sin raíces
que ao pór a garabata xa nan saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos do lingoaxe,
remo i arado, proa e rella sempre.
Celso Emilio Ferreiro

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

UNHA MANDA DE ANTONIO QUESADA RODRÍGUEZ PARA ISAAC DÍAZ PARDO

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños