Xosé Quintas Canella, Isaac e o angazo


E que ben canta e recita Xosé Quintas Canella, ese artista de Ourense ben coñecido a partir de 1966. A súa música e a súa voz ouvironse na RTVG, na TVE, por Galiza, Catalunya e España... Porque se Voces Ceibes tiña un estilo ben marcado e identificativo, o de Ánxel Barbadillo -grupo do que formou parte- tamén o posuía. Este inclinábase máis pola cantiga medieval galega (ou galego-portuguesa), sobre todo mercé dos instrumentos que tocaba Eloy Vázquez, concretamente o laúde, a zanfona, a guitarra, o contrabaixo, a cítola e o rabel...

Quintas e os restantes membros do grupo participan no primeiro festival folk galego que se celebra en Compostela nun pavillón polideportivo ateigado de milleiros de persoas (1975). Mais cómpre facer fincapé noutros aspectos del que, de momento, non se recollén en ningunha monografía ou dicionario de autoras e autores. Por unha banda é un grande orador, que sabe emocionar con esa voz rouca e valente, pero por outra tamén resulta ser un gran poeta. David Otero, amigo de seu, cualifícao como "o cantor de Allariz, achega á historia da Galiza militante na pureza da Cultura Galega sostíbel".

Para testemuño disto, fica aquí a súa manda que conmemora o centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo. Esta constitúese de dúas partes fundamentais: un texto laudatorio ateigado de valoracións e un poema. O último titúlase igual ca alma mater de Sargadelos, e esoutro como "Isaac un home singular que non esqueceu o angazo".

Comezamos por este para rematar, oxalá que un día con música, coa participación lírica. Saúde e beizóns, caro Xosé, e que as corcheas -sen moitas claves e si con sinceridade- enchan de ledicia os pentagramas das nosas vidas!


ISAAC UN HOME SINGULAR QUE NON ESQUECEU O ANGAZO

Os que me coñecen ben saben que, salvo excepcións, non son gustante de panexíricos nin de loas de ausencia. Incomódame que o que non se lle fixo en vida pretenda emendarse logo do pasamento. Que xa se sabe, morta a burra cebada ao rabo. E porque as máis das veces, a ingratitude que se pretende remediar vai, precisamente, da man dos desagradecidos, aos que, realmente, lles importa menos que un gran centeo a figura que se pretende honrar, e o acto de homenaxe non é outra cousa que un medio máis para que os finos estilistas das comenencias podan exhibirse, como protagonistas únicos, proclamando “urbi et orbi” as súas acrisoladas dotes... Unha morea de pomposas mediocridades. En fin, miserable xentalla, tropa inmunda de “trepas, e “posturitas” que todo o corrompen e que todo o contaminan, afeitos a mamar dos tetos de ubres alleos e cun acusado problema de necrofilia.

Co Isaac non é o caso e, comparezo de mil amores, para min é unha honra e un privilexio de obrigado cumprimento.   

A este home, tan singular e vital, de escrutadores ollos, amable figura e afable aparencia, coñecino na distancia. Na distancia respectuosa, con admiración, recoñecemento e, tamén, con veneración. Mais sempre me resultou unha figura próxima e entrañable. Un home de expresiva bonhomía que me transmitía as mesmas impresións que aqueles vellos artesáns dalgún día, que, con recato, discreta e humilde mestría, executaban as súas obras conforme aos seus saberes e inclinacións. Sen ostentación, alleos á vangloria e ás frívolas, ás veces farisaicas loas, de individuos e camarillas de comenencia. Soubo facer, con modestia e de xeito compartido, un xeneroso exercicio da excelencia  E coa humildade do que sabe, e que, polo tanto, tamén sabe o moito que aínda lle queda por aprender.

Un Home. Que non esqueceu o angazo nin o leite que mamou. E mamou da laboriosa e porfiada xente do común, artífice única do tramado que sustentou e preservou o máis xenuíno do noso herdo cultural. Eses trazos singulares que nos definen e identifican como colectividade e que se perpetuarían no tempo atrapados nun animado e luminoso caudal de oralidade. Soubo dar co sal e o fermento da vida, expresión do noso xeito de sentir, de amar e, en definitiva, de vivir.

E como o que se come é o que se cría, o Isaac non esqueceu as primeiras papas, con fariña e leite de noso, e cun academicismo sustentado en trazos distintivos e comunitarios, formulou un relato estético, no que nos vemos e nos recoñecemos, quedando xa como parte indisoluble da nosa feliz memoria compartida.

Xosé Quintas Canella


ISAAC DÍAZ PARDO

Porfiado artesán dos arcanos da memoria,
ollos vivos e mans laboriosas
que fan arte coas forzas primixenias,
felizmente conxugadas
cos elementos que conforman a materia.


Lume, auga e terra...
Barro!
E a ingrávida luz que alenta
os mesmos principios que sustentan
a policromía sutil do arco da vella.

 

Fusión perenne en branco e azul,
irremediable,
en formas que comparten
o perfil biselado do vento e o sinuoso bico das ondas;
amables feituras, soberbios trazos
sublimes e audaces garabatos.


Feliz legado, farto e abondoso,
que nos deu de seu
e que agora é de noso.

 

Boandanza e saúde alma grande e xenerosa!
Fraterna e saudosa Alba de Gloria!
E un monte de vergoña...
Para os carneiros do desleixo
e para os castróns da desmemoria!

Xosé Quintas Canella

Comentarios

Publicar un comentario

Publicacións populares deste blog

BASES DETALLADAS

UNHA MANDA DE ANTONIO QUESADA RODRÍGUEZ PARA ISAAC DÍAZ PARDO

QUEN SOMOS ALENTO ESBRAVEXO E QUE BUSCAMOS