O azul de Isaac e José Gómez de Bernardo
O azul de Isaac (obra de José Gómez de Bernardo) |
Dixera outrora Borobó -Raimundo García Domínguez- aínda que no contexto biográfico do cuntense Xohán Xesús González, que este (antes de ser xornalista) "seguiu o oficio dos seus antepasados, edificadores de catedrais". E ben certa resulta esa afirmación, pois as persoas traballadoras da pedra herdan a prestixiosa tradición de erguer monumentos eternos.
Isto vén ao caso porque a obra que hoxe entregamos foi labrada, a golpe de maceta e cicel, por José Gómez de Bernardo -"Pepón". El dise canteiro, pero lembremos que diante dese oficio sempre brilla un artesán e se agocha un artista. Algunhas pesoas, pensémolo ben, poden facer coa pedra case o traballo dun oleiro, como se os minerais que conforman a dureza do elemento a cicelar fosen unha branda e hidratada arxila. Por iso parécennos marabillosos estes oficios, que dan alegrías para a vista pero tamén de xantar: no verbo xido (xerga dos canteiros) chámaselle xantarela ao granito, quizais porque esta materia é a que saca a fame dos seus fogares. Aínda que disto podería tratar con máis rigor o amigo Calros Solla.
Pepón titula á súa obra O azul de Isaac, conta cunhas dimensións de 60 por 40 e 30 centímetros de longo, largo e alto, respectivamente. Os materiais son granito e arenito policromados e a intención do artista é a seguinte: "pensei en representar a pintura pola primeira expresión artística de Isaac e o azul por ser unha das cores caraterísticas da súa cerámica".
Beizóns polo traballo e un aplauso pola continuidade dos oficios tradicionais: resgardan os costumes, fannos felices ao vermos os seus resultados e son parte fundamental, quizais unha das máis íntimas, da identidade dun país!
O azul de Isaac (obra de José Gómez de Bernardo) |
Comentarios
Publicar un comentario