Martiño Picallo lembra a Isaac Díaz Pardo


Pois para comezar o ano 2021 queremos traer á ágora de Isaac Díaz Pardo, á praza das homenaxes e dos recoñecementos, unha manda elaborada por Luscofusco, alias de Martiño Picallo. Membro do colectivo organizador que está a desenvolver esta actividade, O Alento Esbravexo, algunhas persoas vinculadas ás artes e ás letras considérano como un dos mellores deseñadores gráficos galegos destes tempos recentes. 

Meticuloso e minucioso nos detalles, realmente é unha regalía que el che poida maquetar un libro, que o ilustre ou ben -velaí fican os seus traballos- que idee un proxecto completo. 

Ultimamente acaba de deseñar e maquetar unha exposición para Galix -"Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil"- e que versa sobre "O Castro tamén na orixe da LIXG - Literatura Infantil e Xuvenil Galega". 

A mostra, instalada estes días na Casa das Asociacións de Cornes (rúa Manuel Beiras - Compostela), resultou do interese de varios compoñentes do Alento Esbravexo, polo que unha nutrida representación asiste á inauguración da mesma.

Árbore organizativa
deseñada por Isaac Díaz Pardo

Pero vaiamos ao miolo do asunto. Martiño Picallo entregou unha obra co obxecto de celebrar o centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo. Nela intenta simular unha banda deseñada ao estilo dos anos oitenta do século pasado e contén unha historia ben explícita do pasado e presente daqueles proxecto que construíran, inauguraran e proxectaran internacionalmente Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane.

O relato deseñado por Picallo, carente practicamente de textos explicativos, xira ao redor daquela árbore debuxada por Isaac na que se indican todas as organizacións, seccións e subseccións agromadas do Laboratorio de Formas (no ano 1963), entre as que estaba a referida Ediciós do Castro, o Museo Carlos Maside, os encontros estivais, a Fábrica de Cerámica de Sargadelos, o Instituto Galego de Información... 

Esa árbore -que Martiño interpreta florecida, chea de luz, vida e forza natural- nun momento arde entre lapas de faciana vampírica. Dela unicamente fica un cañoto queimado e fumegante, todo gris, frío, inerte... Porén, como a ave fénix (había quen dicía como o "lagarteiro", Olimpio Arca Caldas dixit) esa árbore grelea de novo dende a raiceira por mor da semente que Isaac deixou. De aí o título desta fermosa peza: "Somos Semente".

Beizóns, Martiño, mil parabéns por esta peza... E que este 2021 grele con forza para todos, en saúde, arte, educación e lingua.



Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

Xoán Andrade, Isaac Díaz Pardo e o Laboratorio de Formas

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños