Lourdes Maceiras, a cabaza-botella e a auga

Lourdes Maceiras, dende a Universidade de Vigo, tráenos unha imaxe dunha cabaza-botella coa que rememora un dos recipientes deseñados en Sargadelos. A súa silueta fainos lembrar esas cabazas que, secas e sen sementes, portaban auga nos bordóns das persoas que peregrinaban a Compostela. Recende, logo así, á tradición de hai máis dun século e que conecta directamente co medievo europeo (e galego); recende a estampas costumistas dunha cidade universal que soubo atraer ideas doutros lugares pero tamén foi quen de estender as propias e singulares deste país. 

Pero Lourdes vai moito máis  aló, pois reclama a voz de Díaz Pardo e dío así: "Isaac, hoxe e sempre! Coma auga, fonte de vida".

A autora, na súa correspondencia connosco, sinala: "Neste momento estou a traballar sobre temas de Hidroloxía médica e tamén do Camiño Xacobeo, e a cabaza-botella, con factura da inconfundible cerámica á que deu vida Isaac, une a Auga e o Camiño. É imposible non sentir a auga e a pedra mirándoa. Moitas grazas polo voso traballo e polo voso pulo á Cultura Galega!".

E como ás persoas nómades e camiñantes (o homo viator) nunca lles faltou a auga, xa que contaban co dereito (universal e humano) de acceder ao líquido elemento que de xeito gratuíto se dispensou nas fontes salpicadas nos itinerarios xeográficos e espirituais, cómpre tamén proclamar aos catro ventos o dereito de conservarmos, termos e posuírmos o acceso e a propiedade colectiva da mesma. A auga reivindicámola como dereito humano e xeneradora de vida (pero non como ben mercantilizábel); tal e como Isaac foi xerador de Cultura, agasalleiro dun patrimonio ético-estético para con todas e todos os galegos, e velaí, por extensión un dereito (e tamén obriga moral) a de custodiarmos e non deturpar o seu legado! Por iso, non nos resta a auga para mollarmos a palabra!

Beizóns, Lourdes e que flúa o manancial polas canles comunitarias!


Comentarios

Publicacións populares deste blog

Loli Suárez e un café con Isaac

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!