Haiku de Mariña Maceiras para Isaac Díaz Pardo

Haiku e imaxe de Mariña Maceiras

Para recordar a Isaac, ou a obra, Mariña Maceiras envíanos unha imaxe dunha peza cerámica de Sargadelos cun nobelo de la no seu interior. 

Ovella (cerámica de Sargadelos)
Realmente a figura está destinada a ese uso concreto, por iso Mariña advirte: "Encantoume esta ovella porque me gusta facer punto de cando en vez. E pensei nun haiku en homenaxe a Isaac". 

Como vemos, a autora da imaxe tamén elabora un haiku na honra de Isaac. Este tipo de composicións poéticas xaponesas son sinxelas na forma, mais  ateigadas de contido e, de cando en vez, con referencias encriptadas á estación do ano na que se compoñen. Só conta de tres versos, carentes de rima, pero cunha métrica concreta: 5, 7 e 5 sílabas, respectivamente. 

A autora para nada é allea ao idioma e á cultura do país... Pois malia a súa mocidade (naceu en 2005) xa ten colleitado unha seitura de recoñecementos galegos que fan entrever cal pode ser o seu futuro. Mais sexa cal for, non hai dúbida que estará entre as férreas defensoras do que nos é propio: palabra, patrimonio e todo o (uni)verso poético e real deste país atlántico.

Por vogar un chisco na biografía de Mariña podemos sinalar que coseguiu o primeiro premio do Francisco Añón de poesía (XX edición) na categoría de 10 a 11 anos; o terceiro, na mesma disciplina, do XIII Certame Literario Concello de Ames; o primeiro premio do I Concurso de Narración Histórica de Galicia (ano 2018), o terceiro premio de Narrativa no XV Certame Literario Concello de Ames: o primeiro premio no II Certame de Poesía Torre de Caldaloba 2019... e así até deixarnos sinceramente sen palabras e cos ollos ben abertos. 

Abofé que o futuro do idioma e da cultura deste país están asegurados con persoas coma ela, cando aínda non chega -a día de hoxe- aos 16 anos de idade. Para maior interese, na ligazón anexa, facilitamos unha entrevista que outrora lle fixera a amiga xornalista Chus Gómez. Xa veredes que claras ten Mariña as ideas e que ben "amoblados" están ambos hemisferios do cerebro!

Sen máis, aquí vos deixamos este haiku, pequena alfaia que relucirá no universo de Isaac. Parabéns e mil grazas, Mariña.... Sigue a construír o teu futuro, será igualmente parte do futuro colectivo de Galiza. Beizóns.

          Ovella branca

          de arxila tan fráxil

          escachas: morte

                                     Mariña Maceira




Comentarios

Publicacións populares deste blog

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños

Loli Suárez e un café con Isaac

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!