Gerardo Rodríguez Ramos, Isaac e a arte dende a reciclaxe
Non e non (obra de Gerardo Rodríguez Ramos) |
Da terra de Valdeorras é o pintor Gerardo Rodríguez Ramos "Chere", que comenta que quixo participar neste proxecto "porque na miña obra sempre está presente Isaac, xa que ultimamente me dedico a facer grandes mosaicos por toda Galicia traballando con cascallo de cerámica de Sargadelos".
O autor, co obxecto de participar cunha manda de pezas para Isaac, envía dúas obras. A primeira titúlase "Non e non" e conta cunhas dimensións de 80 por 100 centímetros. Sinala Gerardo que se trata dun "berro contra a violencia de xénero" e "representa unha muller cos brazos en xerra escapando dunha 'manda". Está inspirada na cerámica de Sargadelos e emprega un espello para crear determinados efectos ópticos. Digamos, logo así, que se mergulla na "upcycled art", pois do refugallo -outrora tamén arte cerámico, avísese!- volve crear arte nun sinuoso proceso cíclico (destrución-creación). Este é un xeito, posibelmente, de lanzar un berro ao planeta por mor do seu estado de degradación e co obxecto, alén de alimentar as conciencias, de servir de axente protector.
Varias vistas de Non e non (obra de Gerardo Rodríguez Ramos) |
A segunda obra rotúlase como "Claudia no se refuxio de Oleiros". Trátase dun acrílico sobre palet dun tamaño de 80 por 120 centímetros. Porque "ao igual ca Isaac Díaz Pardo, Claudia tamén atopou o seu refuxio no concello de Oleiros".
Claudia no se refuxio de Oleiros (obra de Gerardo Rodríguez Ramos) |
As materias, a diferenza dos seres vivos, non son perecedoiros, polo que a arte -ao servirse destes útiles- tampouco perece, transcende á vida, aínda que alimenta de estímulos aos seres vivos. Linguaxes, metalinguaxes e outras formas expresivas que dende o subxectivo, pero tamén dende o obxectivo, buscan entregar certos "vehículos de apredizaxe" podemos contemplalas en obras coma estas.
Ben haxa, Gerardo, por estas obras e, oxalá, teñamos memoria, consciencia e conciencia!
Comentarios
Publicar un comentario