Farruco e as présas de don Isaac

Isaac Díaz Pardo (fonte: Nós Diario)

Xosé Luís Bernal "Farruco" quixo darnos hoxe, como é habitual nel, o seu chisco de alegría. E faino lembrando a Isaac, sempre áxil polas rúas de Compostela, e valéndose dun recordo que outrora publicara o seu irmán Diego Bernal. 

Farruco, como sabemos, é un destacado humorista e actor galego que ten colaborado nunha manchea de emisoras de radio (Radio Galega, Ser, Onda Cero...), televisións (TVG)... e  participado como actor en filmes e series televisivas. Amais disto, é autor dun libro titulado Eles e máis eu. Compostelaneado, que veu a luz recentemente. 

Ninguén, que xa sobrepase os corenta anos, pode non coñecer a Xosé Luís Bernal, así e todo sempre é unha ledicia bater con el polas rúas de Compostela. Quizais a próxima vez que o vexamos teremos que saudalo cun "siga ben, don Xosé". Ao que el seguramente arrebolará: "o que ten que seguir ben é vostede".

Velaquí fica o seu tributo a Isaac, logo de termos lanzado urbi et orbi as nosas beizóns agradecidas.

As présas de don Isaac

Recordo a Isaac Díaz Pardo camiñando sempre de présa polas rúas de Compostela; a min gustábame saudalo cun: «Siga ben don Isacc», e gozaba coa súa resposta apresurada e precisa: « O que ten que seguir ben é vostede».

Cada vez que me atopaba con aquel home lixeiro e lizgairo, que encheu Galicia de arte e de cultura, imaxinábao de neno brincando e observando no taller de pintura, na casa da Tumbona, onde seu pai, Camilo Díaz Baliño, preparaba os decorados do Teatro Principal ou os carteis das Festas do Apóstolo ou do Estatuto.

Coñecín a don Isaac por medio do meu irmán Diego, do que deixou dito: «A veces por las calles de Compostela camina de prisa Isaac Díaz Pardo, va envuelto en la bruma espiritual de la ciudad, viene de todas partes y parece que no va a ninguna, porque tiene el don de haber superado todas las tempestades. En su ansia apresurada transporta historia y esperanza de este país».

Xosé Luís Bernal (Farruco)

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Loli Suárez e un café con Isaac

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!