Eva Teixeiro, Díaz Pardo e tinta azul

Festa na cociña (obra de Eva Teixeiro)


"Son Eva Teixeiro, argalleira da escrita e do debuxo, tecendo adoito terra, lingua, muller, arte e memoria. A cultura e a lectura dánme a vida. Contribúo á manda como xusta homenaxe a quen me encheu os ollos de nena coas ilustracións de Memorias dun neno labrego ou Terra Chá, e me fixo imaxinar unha bandeira con outro azul". Así comeza a presentación da manda de hoxe. Diariamente e dende hai máis de medio ano, vimos de publicar neste blogue un gurgullo de poesía, arte, narrativa, música, ensaio... que conmemora a imaxe, traxectoria, forza e ronsel de Isaac Díaz Pardo. Porque del procede a forza deste Alento, un airiño cálido que enche de creatividade e émulo e estímulo a vida de moitas persoas galegas.

Festa na cociña
(obra de Eva Teixeiro)
Eva Teixeiro, a artista que facilita a manda de hoxe, elaborou un debuxo que titula 'Festa na cociña' e que foi realizado -en tinta sobre papel- nun 1993 que xa vemos un tanto lonxe, xusto un ano despois de ser nomeado Isaac Doctor Honoris Causa pola Universidade de Santiago de Compostela. Eva, sinala que lle parece a súa obra moi acaída "como referencia á presenza dos deseños" de Díaz Pardo "en moitos fogares galegos, en pezas de uso cotián". Tamén engade: "Canto agarimo debullado nos convites, canta beleza espallada entre o pobo".

Por se isto fose pouco, a autora achega unha composición poética que titula "Homenaxe sentinela". Dende os seus versos percorre a traxectoria daquel que naceu na casa da Tumbona e subliña, asemade, o seu 'facer país' en moitas frontes e ao mesmo tempo. "A primeira parte construína con verbas del, recollidas en distintas novas de prensa; na segunda, tentei recrear a súa figura dende a memoria da colectividade", lembra a súa autora.

Perante tanta creatividade e agarimo só nos resta agradecer esa fervenza de xenerosidade que loa a Isaac. Beizóns e, coa tinta, ganduxemos palabras ou siluetas bailadoras.

HOMENAXE SENTINELA

A Isaac Díaz Pardo,
in memoriam

Dicíase
militante da memoria
conservador libertario
recompilador de cousas
nas que traballaron moitos

Nós dicimos
nunca dar a esquecemento
semente de liberdade
lumieira da cultura
aperta de pobo e arte
viraventos da Galiza
azul soño colectivo

                                     Eva Teixeiro, 2020.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Loli Suárez e un café con Isaac

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!