Dende o Museo de Artes, Xoán Pastor Rodríguez lembra o Isaac literato


Dende a nosa particular visión, Xoán Pastor Rodríguez Santamaría é un verdadeiro dinamizador da terra de Ribeira e, por extensión do Barbanza, alén de resultar ser a alma mater do Museo de Artes do Gravado (Ribeira). Nas instalacións museográficas deste centro (declarado de Interese Cultural e de Interese Galego) custódianse varias ducias de miles de obras que confeccionaron centos e centos de artistas. 

Alén do bo trato que sempre nos entrega, da súa profesionalidade e do seu amor (apaixoado) ás artes e ás letras, Xoán Pastor ten publicadas varias obras literarias, algunhas sobre as persoas do Barbanza vinculadas coa literatura. 

Non hai dúbida que, en moitas ocasións, as persoas definen e inundan coa súa personalidade as institucións que representan, por iso non podemos deixar de aplaudir o citado museo sen laurear ao seu director, Xoán Pastor Rodríguez.

Velaquí a manda que entrega para recordar a faceta literaria, ademais da plástica, de Isaac Díaz Pardo. Por si mesma, xa é un mar de interesantes reflexións, mais acompañadas das estampas que creara Isaac xera un océano de sentimentos agradáveis (excitantes) dignos de ter presentes na historia da literatura galega. Beizóns por tan necesario texto!

UN LUGAR PARA ISAAC

Portada
No centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo Alento Esbravexo ten a magnífica idea de nos convocar á iniciativa “Unha manda de pezas para Isaac”, que estou seguro que logrará que moitas galegas e galegos poñan a súa creatividade ao servizo das plurais actividades de Isaac: pintor, ilustrador, escenógrafo, editor, xornalista, espírito crítico e cidadán…

Como director do Museo do Gravado de Artes (Ribeira) pensaba nun principio, escribir sobre a súa obra plástica, pero axiña fun mudando de proxecto ao consultar os fondos da biblioteca ilustrada do museo e atopar unha obra de Isaac, Unha presa de dibuxos feitos por Isaac Díaz Pardo de xente do seu rueiro, editada en Bos Aires por Arsnovos en 1956, cunha tirada de 200 exemplares. Entón cheguei con claridade á idea de que cómpre buscarlle, atoparlle, un lugar a Isaac na literatura galega. A obra contén non só vinte fermosos debuxos, senón tamén vinte textos literarios que acompañan as ilustracións, ou estas acompañan os textos. Son un todo, que segue o maxisterio de Castelao en Cousas, a obra que realmente crea entre nós, os galegos, o minirrelato ilustrado, unindo lirismo, narratividade e crítica, condensadas, ademais, na imaxe. Ese é o ronsel que segue Isaac neste libro. Vinte textos e vinte estampas que forman unha unidade, un todo plástico-literario.

Xustificación da edición
Isaac cultivou sempre, a carón da obra plástica, a escrita: poesía, xornalismo, literatura dramática, narrativa.

Está fóra de toda dúbida que é na literatura dramática onde a aportación de Isaac ao sistema literario galego é máis importante. Euloxio Rodríguez Ruibal, o dramaturgo e académico, é quen fixo un gran esforzo por poñer en valor o teatro diazpardiano, na miña opinión dun xeito moi acertado, en varios traballos críticos, salientando a súa modernidade, a súa base existencialista, a súa renovación dos mitos nunha nova traxedia que empata paradoxa, absurdo e ludismo, ao xeito do que facían os dramaturgos europeos e americanos (Sartre, Camus, Girandoux, Anouilch, O’Neill), cousa, polo demais, tamén presente na literatura dramática galega (Cunqueiro, Rodríguez Pampín, Manuel Lourenzo, Manuel María, López-Casanova).  Un teatro, pois, alegórico, de forte compoñente abstracto e onírico, cuns elementos distanciadores (metateatralidade, artificio, narrador). Un teatro que agarda pola súa reedición e porque se leve a escena Midas e O ángulo de pedra para pór no seu lugar a aportación de Isaac ao noso teatro.

A miña muller e os meus fillos
co degaro d’un mundo e d’un
tempo millores
Pero, máis alá da literatura dramática, Isaac cultivou un xornalismo cívico e unha prosa galega á que hai que lle dar un lugar menos marxinal e menos periférico na literatura galega. 

A obra publicada en Bos Aires en 1956 inclúe vinte textos que abalan entre a estampa lírica, a crítica e o minirrelato. Comeza cunha adicatoria que non é paratexto, “A miña muller e os meus fillos co degaro d’un mundo e d’un tempo mellores”, que constitúe xa a primeira peza do libro, acompañada da súa ilustración. É xa unha declaración de intencións de Isaac no seu degaro porque o mundo que chegue sexa mellor do que acaba de pasar: a guerra civil, a derrota republicana, a represión familiar, a segunda guerra mundial.

A segunda peza do libro, “Meu cabalete” é unha reflexión plástica sobre as súas intencións no libro. Veñen logo os verdadeiros “retratos”, ás veces ao xeito de Caracteres de La Bruyère, outras veces á maneira de Castelao (“O cego”), pequenos relatiños no ronsel das Cousas do rianxeiro, que o aproximan aos textos curtos de Filgueira Valverde en Quintana viva ou ao Dieste de Dos arquivos do trasno.

Os que se poden considerar máis próximos aos “caracteres”, mesmo á etopeia, serían “O tolo”, “O señorito”, “O crego”, “O incendiario”, “O feirante” e “O xues da bisbarra”. Maior acento crítico teñen “O home que emprega o seu talento en facer solitarios” e “A rapaza que foi esnaquizada”.

Meu cabalete - O tolo - A rapaza de ollos craros e cabelos negros que vive soia pro amor

Máis próximas á estampa lírica están “A rapaza que vendía peixe e me viña a pousar de modelo na rúa”, “A rapaza que vive pegada a terra e forma parte do seu paisaxe”, “A rapaza de ollos craros e cabelos negros que vive soia pra o amor”, “A rapaza fidalga que ten faciana d’esfinxe” ou “A rapaza que traballa n’un torno de alfareira”. A medio camiño entre o retrato e o relato estarían “O putañeiro”, “O vello ô que lle emigraron os fillos” ou “O home que se perdeu en si mesmo”.

O cego - O señorito - A rapaza que traballa n'un torno de alfareira

O home que se perdeu en si mesmo
Hailles que dar un lugar a estes textos de Isaac na nosa literatura, pois insírense nunha tradición de prosa breve, en xeral narrativa, que arrinca de Castelao (e de Risco) para fornecernos con nomes coma Filgueira Valverde, Rafael Dieste e mesmo Cunqueiro. Unha historia por escribir devagar e un lugar para situar os esforzos de Díaz Pardo na prosa galega.

Foi Isaac tamén poeta, e aínda que cultivou pouco a poesía lírica, si que compuxo poesía satírica e narrativa, de xenea popularizante, en obras como o Marqués de Sargadelos (1970), A nave espacial (1970), O crimen de Londres (1977) e Castelao (1985), verdadeiros carteis de cego, nos que, co pseudónimo Cego Zago, uniu de novo a ilustración e o texto.

Toda esta literatura merece que lle “fagamos” un sitio ben notorio na nosa literatura. Un sitio para Isaac, un lugar para unha das personalidades máis importantes da Galicia posterior á guerra civil.

X. Pastor Rodríguez Santamaría

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

Xoán Andrade, Isaac Díaz Pardo e o Laboratorio de Formas

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños