Carmen Ares, Mimina e Isaac

Isaac e Mimina (obra de Carmen Ares)

Carmen Arias e afeccionada á pintura, recitadora de versos e xornalista. Para ela "participar nesta marabillosa aventura de Alento Esbravexo é un grande honor. Todo é pouco para este grande home, Isaac Díaz Pardo". Mais aínda que se diga afeccionada nas artes plásticas a verdade é que resultan máis ca interesantes as súas obras e, en particular, esta que envía para lembrar a Isaac e a Mimina. As formas simbióticas da parella -home e muller- vense complementarias dende o cromatismo, formando un todo que busca a compatibilidade, suxerida dende as cores cálidas ou frías contrastadas coas súas complementarias. No horizonte, polícromo, ízase coma unha vea un faro que deixa entrever os rumbos dos novíos, as derrotas dos naos e os triunfos do país. Os verdes, belidos e aveludados, mimetizan nos fondos porque o que sobresaen son os azuis, os cobaltos, o ultramar, o prusia... eses azuis que falan de vaixelas, de cerámica, de historia e memoria. Por que os ultramares case recenden a Atlántico ou a Cantábrico, nese bico que ambos mares se dan no Ortegal, que se entregan, e rematan nuns puntos suspensivos (...): os tres illotes que fican diante do faro. A creación da man natureza que modela a paisaxe!

Nesta imaxe, sen simetrías pero con certo halo que respira a esencia de Isaac, entendemos que ser afeccionada ou afeccionado tamén é crer no que se fai e comprendelo.

A nosa particular interpretación, formulada antes de ler o texto que acompaña esta obra, quizais se complemente coa explicación que entrega Carmen Ares. Esta di así:

RELACIÓN DO CADRO CON ISAAC

Un faro. Iso é para min este poliédrico creador dun universo de cores e fomas... Por iso, pintei o antigo faro da Atalaia de San Cibrao xunto ás figuras centrais de Isaac e Mimina, inmersas unha na outra porque así é como vexo a relación desta entrañable parella, tanto no eido persoal como no creativo. Libros e pezas de Sargadelos navegando nun mar sen límites, porque ilimitada era a imaxinación, a xenerosidade e a humanidade de Díaz Pardo. Sempre estivo e sempre estará pairando no ceo deste noso país coma un paxaro inquedo e colorido. Este noso país que el engrandeceu dotándoo de ás que ninguén, ninguén, debe cortar.

Carmen Ares

Beizóns, Carme e que continúe a imaxinación a crear espazos para a creatividade. Saúde

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Loli Suárez e un café con Isaac

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!