Aves limícolas, Isaac e Susana Bermejo

Composición antropomórfica con aves limícolas

Gravados, esculturas, pinturas, debuxos, poemas, cartas, textos ensaísticos... e agora tamén un colaxe dixital para honrar a Isaac. Está confeccionado por Susana Bermejo nun soporte de tamaño A3 e gustou de titulalo Composición antropomórfica con aves limícolas. A autora comenta o seguinte en relación á súa peza: 

Composición antropomórfica
con aves limícolas
 (colaxe dixital
de Susana Bermejo)
"Esta obra é unha homenaxe a Isaac. A cadeira antropomórica, deseño do artista en 1976, feita en madeira de castiñeiro e ferro formaba parte do mobiliario das galerías Sargadelos conformando unha edición limitada. Esta, aínda estando baleira, evoca unha presenza que as aves arroupa e á que seguen insuflando vida. Unha vida que repousa prácida sobre os seus alicerces. Unhas aves de recente creación que encarnan a pervivencia do traballo que un día emprendeu Isaac. Dunha empresa que segue a explorar novas liñas orgullosa de expandir a súa marca máis aló das nosas fronteiras".

Fermosas e optimistas palabras son as entregadas por Susana, dende a xenerosidade e a sinceridade,... mais oxalá se siga a estender o que significa Galiza máis aló das nosas fronteiras do xeito que o fixeron Isaac e Seoane, do xeito que o fixeron e fan artistas que teñen os pés na terra (na Nosa Terra) e as ás estendidas por todo o mundo co fin de arroupalo. 

Susana Bermejo achega con esta súa manda un bo testemuño da súa arte, do seu bo facer e o seu bo querer, pois esta deseñadora e artista ferrolá foi pendurando numerosas obras súas en diversos espazo ao longo da xeografía galega. Velaí as súas mostras na Galería Atlántica Centro de Arte (A Coruña), a Fundación Abanca (Vigo), o Centro Cultural Torrente Ballester (Ferrol) e as galerías Sargadelos de diversas localidades (Compostela, A Coruña, Ferrol...).

Mil grazas, Susana, por esta obra, polo teu recordo permanente da figura de Isaac e por gustar dun mundo ateigado de poesía pictórica.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

UNHA MANDA DE ANTONIO QUESADA RODRÍGUEZ PARA ISAAC DÍAZ PARDO

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños