Vicente Ruíz Soldevilla, O Común e Isaac Díaz Pardo

O Común (obra de Vicente Ruíz Soldevilla)

E non digades que non é ben xeitosa esta manda que nos trae, nas vésperas de entrar en fin de ano, Vicente Ruíz Soldevilla. Trátase dunha serie de oito imaxes, retratos propiamente, con gran carga expresiva, reafirmándose as siluetas con trazos áxiles e grosos, enfatizando as superficies con cores planas e, de cando en vez, empregando recortes de fotografías a xeito de colaxe. 

Quizais por este motivo vemos un certo parentesco plástico, ou estético, co propio Luís Seoane, onde tanto protagonismo ten a silueta (a liña) como a superficie, estando ambas interrelacionadas pero "funcionando" incluso por separado. Esta linguaxe percíbese, así as cousas, nalgunhas das pezas desta serie que o autor titula "O Común". 

Mais estes "retratos", para maior asombro, parten dun caracter central ou letra dende a que se xera a faciana. Estas tapan os rostros e, de nos deixar levar por ideas da historia da arte, poderíanse vincular á obra "The son of man" de René Magritte. Unha mazá tapa a face do home.

Porén, consideramos imprescindíbel a interpretación pictórica que o propio artista nos facilita: "O Común, a xente coa que Isaac Díaz Pardo estivo sempre en corpo e alma defendendo o País, territorio único azul e branco, de traballadores e campesiños, sempre a favor da decencia e da honorabilidade. Guerrilleiro da Cultura en galego".

O propio Vicente, remata a súa achega cun aire totalmente poético, co que convidamos a recrearnos na súa arte, non só plástica e estética, senón incluso lírica.

"Foi o máis bo

o máis xeneroso

o máis sinxelo

o máis íntegro.

Foi en si mesmo un eloxio e homenaxe á Resistencia.

Isaac!".

Ben haxa, caro Vicente! Saúde, arte e memoria!

O Común (obra de Vicente Ruíz Soldevilla)



Comentarios

Publicacións populares deste blog

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños

Loli Suárez e un café con Isaac

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!