Patricia González Iglesias homenaxea a Isaac Díaz Pardo


Marabillosas son as obras de Patricia González Iglesias, creadora que forma parte do Obradoiro de Costura Saiáns. Segundo as súas propias verbas: "no obradoiro préstanos coser País, todo o que facemos recende a Galiza. Inspirámonos no noso e cosemos o noso (a tradición, a lingua, a cultura)". 

Tapabocas
(obra de Patricia González)
E abofé que así asemella, pois se fermosas son as pezas que nos entrega para celebrar o centenario de Isaac Díaz Pardo, igual de acaídas e fantásticas son as súas palabras. 

A autora continúa co seu relato vital deste xeito: "O meu pai é fillo de emigrantes na Arxentina e volveu para Galiza de mozo, pero a súa familia segue na Patagonia e sempre que a visitamos ou nos visitan agasallámoslles Sargadelos, para que leven un anaco de Galiza. Por isto decidín participar nesta iniciativa, porque Isaac Díaz Pardo é un figura imprescindible da nosa cultura e creou unha marca de cerámica que onde vai representa a Galiza".

Detalle da camiseta
(obra de Patricia González)
Dúas son as pezas que Patricia González entrega ao Alento Esbravexo: unha camiseta inspirada nun mantelo, aberta por detrás e con ribete de veludo, que se acompaña cun tapabocas. "Ambas as dúas pezas están bordadas con motivos semellantes aos dunha vaixela (...) e coa imaxe de Isaac Díaz Pardo".

O debuxo do prato é similar, asemade, ao motivo principal "da vaixela que ten a miña familia", comenta a artista. Ao que engade que esa cerámica mercou co seu primieiro soldo: "Esta vaixela vai ligada ás datas máis importantes e celebracións dos meus. Estas pezas queren ser a nosa homenaxe a Isaac Díaz Pardo".

E fermosa homenaxe a que lle rende Patricia, fermosas reflexións e palabras que lle dedica ao mestre... Por iso, a nós só nos resta transmitirlle un Atlántico de grazas e un océano saúde que nos conecte, incluso, coa Patagonia!!!

Tapabocas (obra de Patricia González)

Camiseta (obra de Patricia González Iglesias)





Comentarios

Publicar un comentario

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

Xoán Andrade, Isaac Díaz Pardo e o Laboratorio de Formas

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños