O Concello de Cuntis honra a Isaac Díaz Pardo


Realmente esta é unha fermosa manda colectiva. Envíaa o Concello de Cuntis e nela resúmese parte da vinculación de Isaac con este municipio (aínda que foi moito máis grande) e todo o que simboliza a súa figura a nivel nacional.

Non hai dúbida de que a persoa que redacta esta manda está cargada de sensibilidade, alén de ser coñecedora da vida e milagres culturais realizados por Alguén que cómpre escribir con maiúsculas: ISAAC. Cando un le cousas coma a que segue, séntese fachendoso de que existan concellos que teñan memoria e, por extensión, actividade no rescate dela.

Saúde e mil grazas, Concello de Cuntis... Oxalá houbese máis administracións públicas que gustasen, coas súas mandas, de honrar a quen nos honrou! Hoxe, Isaac, está cabo de Blanco Torres, María Miramontes, Díaz Baliño, Ánxel Casal, Micaela Chao... e outras tantas persoas que defenderon a lingua e cultura de noso! Temos memoria!


Manda do Concello de Cuntis

Dende o Concello de Cuntis queremos sumarnos a iniciativa "Unha manda de pezas para Isaac" na honra de D. Isaac Díaz Pardo e, para a nosa homenaxe, eliximos a fotografía de portada dunha das súas publicacións seguramente menos coñecidas: "Crónicas inconformistas", obra que resultou gañadora do VII Premio "Roberto Blanco Torres" de Xornalismo Literario e de Opinión no ano 2005.

Este certame comezou no ano 1999 co galardón a Xesús Alonso Montero por "Beatus qui legit. Artigos periodísticos (1998-1999)". A este autor precederíano grandes autores da nosa lingua como Xosé Luis Méndez Ferrín, Raimundo García Domínguez "Borobo", Carlos Casares, Bieito Iglesias ou Francisco Fernández del Riego. 

Por desgraza, só un ano despois de recibir o galardón o propio Isaac Díaz Pardo, remataría a produtiva colaboración entre a Universidade de Santiago de Compostela e o Concello de Cuntis co premio a Anxos Sumai, no ano 2007, poñendo fin así a este certame. Porén, grazas á impresión dos traballos premiados aínda hoxe perdura o seu legado. 

No ano 2005 a elección de Isaac veu facer xustiza ao seu labor menos coñecido, e co que cada semana a través das páxinas da prensa diaria facía escoitar a súa voz de cidadán. A través destes artigos alertaba e denunciaba a contaminación (física e moral) a que estaba sometida a sociedade, examinando as súas circunstancias, sinalando as causas e alertándonos sobre as consecuencias. 

Isaac sempre promoveu un discurso áxil e coherente no que apostaba polos valores da tradición pero sen perder de vista a modernidade. 

Por este, motivo e grazas a unha visión ecoloxista, o propio Isaac alertounos dos incendios forestais ou as plantacións de eucaliptos. Mais sobre todo tiña unha profunda e constante preocupación polo espolio dos recursos naturais e culturais que se levaron a cabo en Galicia a través dos séculos. 

Sen dúbida, foi un adiantado ao seu tempo, polo que hoxe seguimos a recordalo e a percorrelo malia que en moitas ocasións non se lle dese a consideración que merecía.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

UNHA MANDA DE ANTONIO QUESADA RODRÍGUEZ PARA ISAAC DÍAZ PARDO

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños