O bruar de Isaac (obra de Manolo Busto)
Bruar (óleo de Manolo Busto) |
O bruído case é terapéutico, porque escoitar o aire cando zoa, observar as ondas do mar cando escachan contra os cons, fitarmos as lapas dunha lareira ten ese efecto tan relaxante. O que non quer dicir que non estea carente de forza, de vitalidade. Quizais niso tamén se inspirou o artista Manolo Busto para crear a obra que hoxe aquí nos envía co obxecto de deixar unha lembranza para Isaac. A verdade é que ese vento concretamente resulta fantástico cando vén do mar, case se pode sentir no rostro ao observalo dende o esqueleto do bastidor, dende o poro do lenzo, a textura e a epiderme do cadro... Quizais respira aire e exhala vento!
O autor, licenciado en Belas Arte, ten feito exposicións individuais e colectivas por Galiza, Portugal e España, sendo premiado en varios certames coma o Eixo Atlántico, Cambre e Isaac Díaz Pardo. Alén diso, desenvolveu proxectos editoriais con ilustracións para a Fundación Vicente Risco, para o escritor Ramón Caride e outros... Porén, tan imprensionantes son as súas pinceladas como o que escribe, pois as palabras que nos brinda (que lle brinda a Isaac, propiamente) están cheas de luz, cor e sentimento. Digamos que a arte non só se observa, senón que se escoita, respira, se percibe nos poros da pel para notarmos a friaxe... E iso, realmente, é o que nos suxire o "Bruar", fermosísima peza de Manolo Busto. Mais Ramón Cabanillas tamén estivo polo medio deste óleo atlántico.
Beizón, caro amigo, apertas dende o Alento Esbravexo. Velaquí fican o teu recordo e as túas palabras.
O bruar de Isaac
Alá polo ano 2004, na
exposición organizada pola Deputación da Coruña nesa cidade, co motivo do
oitavo certame de artes plásticas Isaac Díaz Pardo, na que unha boa selección
de obras artísticas foron adquiridas, entre elas unha da miña autoría, fun a coincidir,
ou máis ben bater de fronte, con Isaac. Desculpeime, fitoume, fiteino con respecto
e un pouco avergoñado, saudándome el, con certa curiosidade, preguntándose quen
era ese medio calvo de mediana idade que o observaba con sorpresa e con certa
timidez.
Presenteime e intercambiamos
algunhas palabras ao arredor da exposición despedíndonos e desexándonos que
todo fora ben na vida e na creación artística en particular, nese instante lembreime
da entrevista que Antón Baamonde lle fixera nun catálogo deste mesmo certame do
ano 1999, no que Isaac confesaba que non vía ben a Galicia do futuro, pesimista
pero co deber de ser optimista ante o mundo da cultura.
Coma sempre me pasa
nestas situacións non buscadas, xurdiume a pena de non terlle dito a este home
senlleiro na cultura galega, que eu admiraba desde a tímida distancia, canto
tíñamos que agradecerlle pola súa contribución e sacrificio á cultura galega. A
súa admirable renuncia a un proxecto artístico individual por outro colectivo
que axudase a facer máis grande o país que amaba dándolle repercusión
internacional.
Vivíronse ventos non
propicios ao longo da vida de Isaac e segundo el, nun futuro non virán
mellores. Pero o vento cambia constantemente de dirección e a riqueza natural e
humana que temos neste pais pequeno pero fermoso, axudará a mirar cara a adiante
e en positivo.
A miña pequeniña achega a
este homenaxe é unha pintura feita ao óleo (técnica que el empregou na súa
andaina coma pintor) que se titula “Bruar” e na que a imaxe representada está
inspirada nun cadro de Castelao e ilustración para un libro de poesía de
Cabanillas titulado “Vento mareiro”. Cabanillas menciona nunha das súas obras o
“bruar do vento”. Vento que zoa, brúa, que se escoita ao lonxe como tamén
latexa por todas as partes o legado de Isaac Díaz Pardo.
Manolo Busto
Bruar (óleo de Manolo Busto) |
Eu agradezo a túa obra (ese bruar do mar que a noite do venres semellaba entrarme na horta) e tamén as palabras: "canto tíñamos que agradecerlle pola súa contribución e sacrificio á cultura galega. A súa admirable renuncia a un proxecto artístico individual por outro colectivo que axudase a facer máis grande o país que amaba dándolle repercusión internacional."
ResponderEliminarCreo que acertaches de pleno, Manolo. E niso estamos, con estas mandas que van do Aquén ao Alén agarimándoo e dicíndolle ás xeracións máis novas que houbo alguén que o fixo.