O arado, Elena R. Vieito e Isaac Díaz Pardo

O Arado (fotografía: Fermín)

Elena R. Vieito gustou de nos entregar o seu agasallo para Isaac, trazado polo arado que el mesmo deseñara e abrindo sucos e máis sucos para sementar palabras, hoxe florecidas. Por iso, as ringleiras do escrito de Elena achegan moito do espírito e do carisma de Isaac, desa personalidade que -toda sinxeleza- invadía os espazos nos habitaba. 

Agradecemos este texto, ademais, pois algúns do Alento Esbravexo ignorábamos que nesa pizzería compostelá houbo un prato co nome de Isaac. Na varanda da xustiza, da arte (tantas veces matemática pura) e da coherencia discorre este texto de Elena, evidentemente moi necesario... Coa rella, o temón, e o pescuño do arado como se for un mascarón de proa pendurado do navío da liberdade avanza, lixeiro, o texto desta autora.

Unha verdadeira homenaxe é a que rende, con duzura, Elena R. Vieito. Beizóns, gloria á Isaac, futuro e arte (tamén da palabra)!!

O Arado. Homenaxe a Isaac Díaz Pardo

A iniciativa de celebrar o centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo, paréceme un bonito proxecto ademais de moi merecido.

Este importante persoeiro xa ten moitos e importantes estudosos da súa vida e obra, isto simplemente quere ser una pequena lembranza persoal.

Hai anos, cando era nova, gustaba de admirar a cerámica de “Sargadelos” nos escaparates desas tendas tan especiais e distintas. A cerámica parecíame tan sorprendente, orixinal, cunha forza que espertaba o meu interese, curiosidade, ………., e como una cousa leva a outra, descobres alguén incrible que con imaxinación, xenerosidade e moito traballo consegue marabillas.

Polo ano 91 vivindo xa en Compostela, de cando en vez, comiamos na pizzaría “Góndola”, onde o Sr. Díaz Pardo era habitual, notábase no trato afable e agarimoso co que se falaban, ademais, tiñan un prato co seu nome na carta. Nós non pasamos do "bo dia", "que aproveite", pero estaba ben.

Cos anos fun mercando cousiñas e recibindo agasallos da cerámica de Sargadelos e do Castro, para meu pracer visual e anímico, así como, tamén agasallei con elas a galegos e foráneos esperando que desfrutasen do presente.

Una peza para min moi especial é "O Arado", encantoume e encántame, por dúas cousas igualmente importantes, agasallo dos meus nenos, agora xa adultos, e porque aprendeume o nome das distintas partes do que está composto: “pescullo”, “rella”, “rabela”, “temón”………. Miro para él e trasládame ao campo, á terra mollada, á herba segada, ….., delicia e esforzo xunto a moitos sentimentos do noso pobo.

Grazas Isaac.

Elena

Comentarios

  1. "Un prato co seu nome" demostra que houbo xente que descubriu o tesouro cando estaba entre nós; co teu texto fásolo ver e iso agradécese sempre porque quere dicir que neste intre tamén ha estar a suceder "silenciosamente".
    Ese arado e o que contas, tráeme a lembranza daqueles primeiros libros de galego que pretendían recoller todo ese mundo que estaba a piques de perderse, as partes do carro e do muíño estaban aí. Os que os escribiron tamén eran, en certa medida, gardadores do tesouro.
    Temos un tesouro e moitas veces non sabemos que facer con el, tal como se declaraba no título daquel libro "Herdeiros á forza"

    ResponderEliminar
  2. "Un prato co seu nome" demostra que houbo xente que descubriu o tesouro cando estaba entre nós; co teu texto fásolo ver e iso agradécese sempre porque quere dicir que neste intre tamén ha estar a suceder "silenciosamente".
    Ese arado e o que contas, tráeme a lembranza daqueles primeiros libros de galego que pretendían recoller todo ese mundo que estaba a piques de perderse, as partes do carro e do muíño estaban aí. Os que os escribiron tamén eran, en certa medida, gardadores do tesouro.
    Temos un tesouro e moitas veces non sabemos que facer con el, tal como se declaraba no título daquel libro "Herdeiros á forza"

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Publicacións populares deste blog

Loli Suárez e un café con Isaac

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!