Maribel Longueira, Isaac e os Encontros Estivais
Entrega Maribel Longueira un fermoso texto que, ademais de entrañábel, consideramos imprescindíbel para lembrar a memoria de Isaac Díaz Pardo. Pois narra a experiencia que vive en 1972, concretamente nos Encontros Estivais que, en Cervo, inauguran a nivel internacional Isaac Díaz Pardo e demais membros do Laboratorio de Formas.
A autora desta acordanza, Maribel, é unha excelente fotógrafa, tanto é así que para ela tirar fotos resulta ser o seu verdadeiro vehículo de comunicación. Porén, sempre estivo vinculada ao mundo das artes plásticas e á artesania. Os seus traballos, que tantas veces dialogan coa literatura, recóllense en libros e mostras que foron acollidas en salas de Galiza, Portugal, Francia, Islandia, Estados Unidos, Brasil, Venezuela e Cuba. Na actualidade combina o traballo fotográfico coa investigación dos tecidos e as tinturas naturais.
Beizóns entre a arxila e o caolín!
UN HOME PEQUENO DA BATA GRIS
No mes de agosto de 1972, tiven a gran sorte de ser seleccionada para participar na primeira experiencia internacional que organizaba o complexo de Sargadelos en Cervo-Lugo. Todo un luxo ir á fábrica pioneira no desenvolvemento do deseño cerámico industrial, e coincidir cun grupo de xente que viña doutros lugares: Cataluña, Sevilla, Francia…. Axiña fixen amizade con María Eugenia una rapaza catalá, e con Jean Luc, un francés, que ría moito do meu acento cando lle falaba no seu idioma.Andrés Varela, químico da fábrica, explicounos o primeiro día os principios
cerámicos básicos, e como nacían as cores no forno. Tiñamos que traballar con
gres e crear as formas que cada un quixese.
Xa no remate da primeira xornada, demos una volta pola fábrica, e non sei como
nos atopamos cun tórculo situado ao pé dunha escaleira. Sempre curiosa,
pregunteille a Andrés como era o seu funcionamento. A súa resposta foi: pregúntalle
a aquel home que anda por alí con bata gris. Mirei e vin a un home delgado
é pequeno cunha vasoira na man. Quedei
algo sorprendida, pero dirixinme a el e pregunteille todo canto se me ocorreu
sobre o funcionamento e manexo daquel trebello que eu non coñecía. El sorría coas
miñas preguntas, e contestaba ata que, satisfeita, rematei a miña enquisa. Os
meus compañeiros, Jean Luc e Mª Eugenia, agardaban por min para pasear pola
beira do río Xunco, un pequeno bosque moi fermoso ao que denominaban o paseo
dos namorados”. Remataba nunha pequena fervenza e semellaba que a auga
podería ser máxica e conceder todos os desexos que calquera lle quixera solicitar.
Ao día seguinte, xuntámonos no auditorio onde íamos ver unha proxección
sobre a fábrica e, tamén, coñecer ao seu director. Cal non sería a miña
sorpresa cando vin que o director da fábrica era aquel home pequeno ao que eu fatigara
coas miñas preguntas, ás que tan amablemente contestara. Así era Isaac Díaz
Pardo, un home pequeno de corpo, pero grande de corazón e de miras. Sempre
preocupado pola cultura, por Galicia e por cada un de nós, tentando que todos e
cada un tivésemos unha formación cultural e creativa, para iso convocara as Experiencias
cerámicas, un obradoiro de investigación aberto a todos os creadores do
mundo. Nacían así as primeiras xornadas que, ao longo dos anos, irían
perfeccionándose e serían espazo de encontro
e reflexión.
Maribel Longueira
Comentarios
Publicar un comentario