Loli Suárez e un café con Isaac

Loli Suárez realizou esta instalación para lembrar as tonalidades da cerámica de Sargadelos, ese tons caligráficos da nosa epiderme cultural, sensíbel e con recendo a memoria que non esquece. Certo é que nela aparecen pezas desa fábrica, outrora rexida con ímpeto (pero sobre todo con xenerosidade) por Isaac Díaz Pardo. Porque esas alfaias azuis e brancas (abandeiradas no celeste) combinan moi ben co verde da Terra (da Nosa Terra!) dende a que se respira aínda hoxe a ánima imperecedoira daquel que veu ao mundo na Casa da Tumbona.

Canda esta peza, un correo da súa autora advirte do seguinte: "Boa tarde! Achégovos a miña pequena homenaxe a Isaac Díaz Pardo. A foto é unha síntese do que el representa na miña vida e, sobre todo, dende que empecei a ler sobre el e Luís Seoane. Agradezo moito, moito esta inciativa. Unha aperta ben forte (...). María Dolores Suárez Baltasar".

Sinceramente, dende o Alento Esbravexo gustamos de instalacións tan xeitosas e acaídas como a que aquí se entrega, mais tamén valoramos moitísimo cando unha explicación, como a que acompaña, resulta tan gratificante. Así e todo a carta inicial xa anunciaba tan maña sensibilidade. Beizóns, Loli... Nos tamén seguiríamos horas léndote.

"Eu son ensinante e a humanidade e o labor de Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane levoume a ler e reflexionar sobre a inmensidade do proxecto realizado por eles, alén e aquén mar. As dificultades que atoparon non lles impediron loitar polo que querían. Este é un gran valor que gusto de transmitir ao alumnado.

Sempre gustei moito da cerámica de Sargadelos, mais ignoraba o inmenso mundo de talento e traballo que había detrás. 

Sigo lendo, e coñecendo sobre as súas obras e cada vez doume conta, con máis claridade, de que o esquecemento non pode mediar en Sargadelos e sobre todo en Isaac e Luís. Aquel soño que eles artellaron e que se foi facendo realidade, puxo a nosa cultura, no ámbito da cerámica e a pintura, a nivel internacional e sumouse ao labor literario de moitos outros nomes, apoiando a cultura de noso. Construamos entre todos unha forma que permita lembrar moito tempo unha fazaña tan inmensa. 

María Dolores Suárez Baltasar.

Unha aperta e parabéns por este proxecto".

Por iso, por esta fermosura de textos, permítenos Loli Suárez que os reproduzamos na súa integridade pois son, abofé, unha verdadeira regalía... Aínda que sexa de xeito virtual, este café, a xeito de ofrenda, tamén vai pola túa saúde!! Porque cabo desa instalación, montada posibelmente no xardín da casa, tamén vén un manda arxilada a xeito de cerámica, ciclada coas mans e co bo sabor de quen bebe das fontes do pobo.

Sobre fondo de caolín branco...


Sempre souben da cerámica de Sargadelos porque había unha tenda na vila na que vivía. Aquel verde e aquel azul entráronme polos ollos e quedaron fundidos na miña retina para sempre. 

Pasaron os anos e seguín, dalgunha maneira, vinculada a Sargadelos. Traballei nun colexio onde agasallaban os invitados/-as, por causa dalgún premio ou na fin do curso cunha pomba desta cerámica: encantábame, coas ás abertas, nunha postura lanzal e orgullosa do que era e representaba. 

Por aqueles anos, recibín un pequeno agasallo coa forma dun moucho. Está comigo no lugar onde leo, traballo e penso. Co paso do tempo acórdome moito da persoa que mo regalou porque foi para min unha compañeira moi querida, unha muller moi sabia, observadora e loitadora. 

Na casa, vexo as pezas desta louza, que teño nun xogo de café. Que tan entrañable é o café co leite cando vai frío! Volve rebelárseme con cada grolo, a cor, a mensaxe, a forma e o sentimento co que Isaac e Luís se empeñaron en que tal marabilla saíse adiante. O seu legado a nivel cultural, social e humano foi inabarcable. 


Quen puidese volver atrás no tempo, durante tan só unha hora e poder falar e tomar café contigo, Isaac!!!!

María Doleres Suárez Baltasar





Comentarios

Publicacións populares deste blog

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!