José Manuel Méndez e un óleo para Díaz Pardo

Librería Díaz Pardo (óleo de José Manuel Méndez)

Que marabillas chegan para honrar a Isaac! Nalgunhas aínda recende a pintura fresca. Case se poderían respirar todas e cada unha das tonalidades, as fragrancias dunha historia coma a que nos trae José Manuel Méndez. O autor leva unha longa traxectoria vinculada ás artes plásticas e formou parte dos colectivos FOGA e PATAKA. Ardua tarefa sería a enumeración de todas as mostras individuais así como as colectivas nas que ten participado. Está totalmente recoñecido o seu traballo sobre pasaxes mitolóxicas gregas con retratos de xente das artes plásticas e escénicas. 

En 2006 recibe a encarga de elaborar unha serie de murais retro iluminados para a exposición "Contos Dixitais" no C.G.A.C. Alén disto, ocupa a dirección artística da empresa Escenoset que realiza proxectos para a televisión, a ópera, o teatro, stands, museos, e exposicións. 

Este cadro que nos achega José Manuel Méndez forma parte dunha serie de "trampantojos" titulada Librerías, e esta, a que vos amosamos, é a libraría Díaz Pardo. A obra, de 70 por 48 centímentros de longo e alto, respectivamente, elaborouse en óleo sobre pet... Polo que xa veredes que ben respira a paisaxe biográfica de Isaac Díaz Pardo! Que ben recende dende a precisión técnica ao contido simbólico! Dende os clarescuros até a calidez dos vermellos que perfilan algúns libros (recordatorios vitais dunha existencia entregada á valorización da cultura galega)! 

Beizóns ao artista, José Manuel Méndez... Mil parabéns e que sigan correndo regueiros de cor!

Librería Díaz Pardo (óleo de José Manuel Méndez)


Comentarios

Publicar un comentario

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

UNHA MANDA DE ANTONIO QUESADA RODRÍGUEZ PARA ISAAC DÍAZ PARDO

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños