Dende o Ateneo Ferrolán e para Isaac


Dende as terras do norte chega unha manda necesaria para coñecermos a xenerosidade que sempre manifestou Isaac Díaz Pardo a prol de colectivos que, dende o altruísmo, estederon cultura, idioma e país. Un deles é o Ateneo de Ferrol, institución da que nos chega un texto que fai xustiza a quen en verdade foi un bo e xeneroso.

O noso país precisa iniciativas como as desenvolvidas, por ese tempo, dende o Ateneo Ferrolán, mais tamén de persoas das artes, das letras, das huminadades, das ciencias... que prioricen o xeral polo particular, que contemplen no seu horizonte a conservación da identidade dun pobo e non tanto o lucro voraz e obsesivo que só se entende dende o egoísmo

Por iso, beizón ao Ateneo Ferrolán por esta manda e beizón por aquel traballo tan inmenso e gratuíto.

Lembraza de 1991, dende o Ateneo Ferrolán


Estimados amigos envío esta información sobre Isaac Díaz Pardo pois penso que ten a suficiente importancia para destacar como unha máis das moitas que este home fixo ao longo da súa vida por Galiza e merece ser coñecida.

O ano 1991 o Ateneo Ferrolán comeza o Concurso de Gaita “Constantino Bellón” creado polo gaiteiro Victor Fernández Gabeiras e dirixido á composición de novas pezas para gaita galega, co cal tódolos anos se editaba un disco coas partituras dos dez Gaiteiros finalistas, disco que se enviaba a tódolos Centros Galegos do mundo, arredor de trescentos, e nos cales tamén participaban gaiteiros deses países acadando unha grande repercusión por medio desas novas partituras que se incorporaron ao patrimonio cultural galego. 

Estes recordos personais veñen motivados pola boa relación entre Isaac Díaz Pardo co Ateneo Ferrolán, sendo eu presidente desta entidade cultural e que tivo o seu inicio coa creación por parte do Ateneo do Concurso Internacional de composición e maila súa colaboración do mesmo e coincidindo coa instalación en Ferrol da franquía Sargadelos. 


Esta relación quedou concretada coa visita persoal ao IGI, en Santiago, en demanda de apoio ao mesmo e proposta da creación dunha figura representativa da gaita galega. A mesma saíu dunha entrevista con Maruxa Seoane, viúva de Luis Seoane, propiciada por Isaaz Díaz Pardo no seu propio domicilio na Coruña, perto de Riazor, na cal a súa viuva autorizou ao Ateneo Ferrolán a empregar como imaxe e logotipo do “Constantino Bellón” un dos famosos debuxos do seu home que representa un gaiteiro.

Esta figura foi creada e realizada en cerámica por Sargadelos dun xeito gratuíto durante varios anos, sendo entregada aos concursantes da final de cada convocatoria e xunto co envío da propaganda aos centros galegos. Isto contribuíu a darlle unha difusión máis internacional ao concurso arredor dos vinte anos que se mantivo; algo que hoxendía se atopa perdido ou aparcado dende hai varios anos por mor dunha mala xestión do propio Ateneo Ferrolán e cambio de criterios da Administración gallega. 

Todo iso non resta un ápice nas diferentes xestións e acertos por galegos como Isaac Díaz Pardo que sempre botaremos de menos por mor dese compromiso a prol da cultura galega. Coido que tódolos esforzos para recuperar a memoria deste home e a continuidade do seu labor merece o esforzo.

Luís Calvo Teijo
Presidente do Ateneo Ferrolán no ano 1991

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

UNHA MANDA DE ANTONIO QUESADA RODRÍGUEZ PARA ISAAC DÍAZ PARDO

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños