De Eduardo P. Baamonde a Isaac Díaz Pardo
Realmente algunhas persoas que constituímos o Alento Esbravexo somos verdadeiros fanáticos das veladuras que Eduardo (Pérez) Baamonde elabora nas súas acuarelas... Marabillosas son esas paisaxes de casas flotantes, apelmazadas como nas favelas de São Paulo... fermosísimas na súa concepción artística, pero totalmente críticas na mensaxe: cómpre mudar de rumbo! Cómpre construírmos realidades substentábeis e espazos para un progreso que xere riqueza non só para uns, senón para a maioría, e non -abofé- a calquera prezo.
Quizais -mais ben seguro- ese foi o soño de Isaac Díaz Pardo, de Luís Seoane e doutras persoas que ergueron dende o Laboratorio de Formas (1963) un cúmulo de realidades artísticas e culturais que deron prestixio a un país chamado Galiza.
Por iso Eduardo P. Baamonde, mestre co pincel e a palabra, de currículo extenso e asombrosas calidades, elabora en acrílico sobre táboa un retrato de Isaac Díaz Pardo. Pois a el tamén quere render homenaxe dende o mar da Arousa, dende aquelas ribeiras nas que Cabanillas respirou un vento mareiro, e quizais -talvez, seguro- unha arela de futuro para o seu país, o país de Isaac, de María Mariño, de Curros, de Rosalía... o país que serve para amosar beleza dende o solpor á acuarela, e dende o caolín -feito vaixela- á mesa comunal.
Beizóns, mestre Eduardo, saúde e moito mar!
Comentarios
Publicar un comentario