Xulio Xiz, con 100 parabéns para Isaac
Velaí logo que ese amor pola palabra se exteriorice nos seus discursos, nos seus proxectos e, como bo xornalista, nos seus artigos e obras literarias. Alén de ser un prolífico escritor, especializado fundamentalmente en biografías, guionista e produtor, queremos resaltar que é un dos fundadores -xunto con Carlos Rodríguez Arias- da editora Ophiusa, da Televisión de Lugo e do coñecido portal de internet Galicia Dixital.
Unha morea de recoñecementos galegos e internacionais no eido do xornalismo ten no seu haber, mais igualmente unha morea de amizades identifican nel as calidades xa citadas e outras que teñen que ver co recordo, e defensa, daquelas persoas que foron quen de erguer a bandeira albiceleste. Eis un exemplo: o que lle dedica a Isaac Díaz Pardo.
100 parabéns, Isaac
Cen parabéns, amigo, que en vida non che din, coidando que a túa inmensa
presenza nos permitiría moitos anos de encontros luminosos porque a túa candea
vital sempre marcaba territorio xenial –aura tamén se lle chama– que asentou en
lugar mítico como Sargadelos, que ti volviches á vida, en Compostela ou O
Castro, ao que hoxe en Sada un retrato teu (xigante para concordar contigo)
sinala o camiño físico.
Parabéns Isaac por facer que na nosa terra mesmo os que non sabemos de arte
apreciásemos e identificásemos todo o que saía das túas mans.
Parabéns por ter a pintura nun segundo lugar na túa arte e (confidencia coa que
me honraches) porque cando Sargadelos tiña algún problema económico ti
solucionábalo vendendo unha das túas obras para manter o rumbo da empresa
común.
Parabéns pola axuda á nosa mínima aportación para honrar a figura inesquecible
do Marqués, o teu precursor en Sargadelos.
Parabéns porque sendo aínda un neno entraches na historia con debuxos xeniais
que empuxaban o coñecemento daquel primeiro Estatuto de Galicia. E tamén
parabéns por transformarte de neno en home moi grande diante da navallada
brutal sufrida na estrada de Palas de Rei.
Como ves, os cen parabéns que menciono non teñen nada que ver cos anos – 100
xa, amigo… e os que vivirás na nosa memoria!– senón os motivos que eu teño para
louvar a túa figura, o teu talante, a túa obra, a túa amizade…
Van só cinco parabéns, que moitos máis amigos che fan homenaxe, e non debo
ocupar máis espazo. Pero permite que remate cun “Parabén” egoísta para min, por
terte tido como símbolo, como mestre e como amigo.
Xulio Xiz,
Xornalista
Comentarios
Publicar un comentario