Xesús Gómez Lareo, O Burro e Isaac...


Xesús Gómez Lareo, director teatral, quixo traer até este templo de gratitude e memoria aqueles recordos que atesoura sobre Isaac Díaz Pardo. E o que nos vén a dicir con este relato é que Isaac era un facedor, ou un conseguidor, de soños. Por iso sabía a que porta chamar -daquela a de Xesús G. Lareo- con que reparto contar para pór en escena a obra teatral d'O Burro -coa do Grupo Ledicia e particulares da fábrica de Sargadelos...

Esta peza dramática, escrita na emigración por Xosé Ruibal, fora premiada co Modern International Drama (de Norteamérica), mais representada en galego por primeira vez en Sargadelos por volta do mes de agosto de 1980. 

Por outra banda, estes escritos, como o que nos trae Lareo, son ben necesarios (quizais imprescindíbeis) pois entregan graíñas da personalidade auténtica de Isaac Díaz Pardo, a esencia do seu ser, o seu temperamento, o seu humor, o seu amor e a súa transcendencia. 

Cremos na utilidade deste tipo de manifestacións, pois chegan ao íntimo das persoas... Velaquí quedan os recordos trasliterados en palabras con alma!

Beizóns, Xesús!

A miña lembranza do gran mestre Díaz Pardo

Foi no ano 1962 cando un galego afincado en Bos Aires, Xosé Ruibal, escribiu una obra de teatro en castelán, titulada El asno.

Certo día esa obra chega ás mans de Díaz Pardo que, como amante da nosa lingua e do teatro de afeccionados, decide traducila ao galego O Burro. Non puido agardar máis e mandoume un aviso de que me esperaba en Sargadelos pola tarde. Entregoume uns folios escritos a máquina e díxome: “Velaí tes esta obra. Quero que ti a dirixas. A obra é dun traballo grandísimo e participan unha gran cantidade de personaxes. Da xente non te preocupes que a que non teñas ti no grupo “Ledicia” (Asociación cultural de Burela) témola na fábrica. Así que non poñas desculpas e mans á obra pois ten que estar preparada para agosto.” A todo isto estabamos no mes de xuño.

El púxose a traballar con todo o cariño. A tarefa era moi complicada porque a obra era de difícil posta en escena.

Fíxose un burro a tamaño natural. Utilizouse un guidastre de obra pois o burro aparecía en paracaídas no centro do escenario. Aquel burro falaba e tiña unha gran cantidade de cousas: un cerebro electrónico que che dicía como estaban as bolsas do mercado mundial, se debías mercar ou vender; o fuciño servía de aspiradora e o rabo daba voltas porque era un ventilador; e, nunha pata traseira, tiña unha porta que se abría: metías a cabeza para adentro e facíache a cirurxía estética. O míster que viña vender o burro aparecía vestido coa bandeira norteamericana.

O Burro transformado, coa arte do caolín,
de palabra a cerámica (peza de Sargadelos)
Ese papel facíao Camilo, fillo de Isaac Díaz Pardo, que levaba o traxe co que casou. Por certo, tiña que dicir “Xamais me sinto estranxeiro”, pero el dicía “Xamais me existo estranxeiro”. Despois debía repetir “Este non é un burro de carga”, pero el repetía “Este non é un burro de Cangas”, cos meus conseguintes cabreos.

A obra representouse en agosto de 1980. Viñera vernos Ricard Salvat e actuara na obra dous profesionais: Nuria Espert e, por parte galega, o grupo de teatro clásico de Manolo Lourenzo.

Estas dúas representacións de actores profesionais escenificáronse no auditorio de Sargadelos diante de 250 persoas, mentres que a nosa obra O burro representouse ao aire libre nunha praza situada a carón da fábrica. Calcúlase que asistiron uns 3000 espectadores.

A obra foi todo un éxito. O bo de Díaz Pardo estaba tolo de alegría.

Director de son: José Díaz
Director de iluminación: Pacolo
Director de montaje: Sargadelos
Director de escena: Jesús Gómez Lareo
Cartaz da obra teatral O Burro



Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

UNHA MANDA DE ANTONIO QUESADA RODRÍGUEZ PARA ISAAC DÍAZ PARDO

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños