Vicente Ansola, Isaac Díaz Pardo e o patrimonio
O Fotógrafo (autor: Vicente Ansola) |
E esta marabilla fotográfica que nos lembra a tradición rescatada dende a cerámica deseñada por Díaz Pardo, que nos recorda as orixes do pobo, é da autoría de Vicente Ansola. Realmente unha fermosura pois soubo resaltar o cotiá para facelo próximo, íntimo e entrañábel. A nós, particularmente, lembrounos aquelas escenas de voda, coa parella posando diante do fotógrafo, conscientes do compromiso, do baile, da festa, do amor, do marabilloso sol de outono inzado de ocres e ese feixe de agasallos que chegan coas amizades. Eses agasallos que nas nosas celebracións foron tantas veces pezas de Sargadelos, vaixelas, xogos de té ou café, figuras... e un parolar continuo e agradábel.
Mais Ansola Trueba non é, na fotografía, un artista calquera pois ten no seu haber un bo feixe de recoñecementos internacionais, só basta lembrar por exemplo o Premio Hasselblad Master na categoría Up & Coming. El dise "inquedo, viaxeiro e apaixonado da cultura e tradicións dos pobos celtas". Certamente tamén resulta ser un "antropólogo da fotografía", porén coñéceno polas terras da Pontenova como o Retratista de Vilaeimil. Autor d'O pobo das néboas, outro aspecto que o honra non é unicamente a súa calidade profesional, senón tamén o seu compromiso na defensa do patrimonio material e etnográfico. En resumo: fai, promove e defende toda expresión cultural agromada do pobo.
Perante esta sensibilidade, a fotografía a xeito de manda que honra a memoria de Díaz Pardo non é máis que un resultado sensíbel demostrado ao longo dunha vida.
Saúde e beizóns!
Comentarios
Publicar un comentario