Monika Molenda, dende Polonia, honra a Isaac Díaz Pardo

Poder ver en persoa unha obra de Monika Molenda é algo fantástico, pois sen dúbida resulta unha sensación impactante. E podemos comprender dende o Alento Esbravexo que sexa, de momento, pouco coñecida na Galiza, xa que as súas orixes non están nesta terra, malia que leva vivindo connosco varios anos. 

Comezaremos indicando que nace en Polonia, estuda escultura nas academias de Breslavia, Varsovia e Bratislava conseguindo especializarse en escultura e medallística. Nesta última disciplina resulta galardoada en Budapest (2006), co Premio Internacional de Medallística. Obras dela son o monumento para conmemorar o 50 aniversario do Levantamento de Hungría (Breslavia 2006) e aquel conmemorativo á Barricada de setembro de 1939 (Varsovia 2011).

Malia a súa xuventude, posúe un currículo abraiante, pois alén de colaborar de xeito regular como deseñadora e escultora con distintas casas da moeda europeas, alén de seren expostas as súas obras en non poucas ocasións en Estados Unidos e Europa ademais de ficaren algunhas en coleccións privadas e museos, entre os anos 2008 e 2009 representa en oito ocasións ao seu país, Polonia, nos encontros de medallística internacional celebrados en Hungría, República Checa e Polonia.

Por iso para o Alento Esbravexo é unha grande honra poder contar con artistas da súa talla para, entre todas e todos, impulsar e realizar de facto unha verdadeira homenaxe internacional a Isaac Díaz Pardo.

Monika Molenda, que coñece a obra de Isaac, inspírase na serie de mulleres lanzadas dende Sargadelos. Maquilla a súa face con arxila branca e pigmentos diluidos en auga... e ela mesma faise cerámica.

Beizóns pola túa colaboración neste proxecto, polo teu compromiso con este país... E parabéns a mares por idea tan orixinal. 

Sexas benvida!!

Peza de Monika Molenda


Comentarios

Publicacións populares deste blog

Loli Suárez e un café con Isaac

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!