María Jesús Neira Yagüe entrega unha manda a Isaac


Tal día coma hoxe, hai xa noventa e dous anos, viña ao mundo cabo das Insuas de Gres, o pai de Balbino. Xustamente nas mesmas xeografías polas que quixo partir cara a eses mundos por el creados. Quizais ande agora a enredar coa Marela Tarabela...

Por tal razón, dende o Alento Esbravexo, queremos dar conta desta efeméride, pois o Pepe Neira sempre se gabou da súa íntima amizade co pai daquela inmensa familia de figuiñas bautizadas por Sargadelos. Mais para conseguir este propósito de lembranzas servirémonos da manda que nos fixo chegar a bibliotecaria da Fundación Neira Vilas, María Jesús Neira Yagüe. Quen mellor ca ela para entregar conxunción, palabra e lembranza este día! Sobriña daquel que marcou a tantas e tantas xeracións de persoas do noso país coas Memorias dun Neno Labrego, hoxe é ela a verdadeira voz de Pepe Neira. 

Por iso, sen demora, concedemos a palabra por dereito e xustiza a María Jesús. Ela hanos lembrar a última reunión mantida entre Isaac Díaz Pardo e Xosé Neira Vilas.

Beizóns, e aperta tensa, María Jesús!

O DERRADEIRO ENCONTRO

Era pola tardiña e chovía a cachón. Ciclóxenese explosiva, dixeron que se chamaba ese fenómeno meteorolóxico. Subimos por unhas escaleiras inusualmente estreitas e longas, con altos chanzos. Eu ía detrás de Pepe, agarrada ao seu abrigo, con medo a que puidera caer. El apoiábase no seu bastón e na parede, pois non había pasamáns. Eu sabía que estaba canso, despois das charlas en dous colexios da Coruña. Arriba, no couzón da porta, recortábase a pequena e inconfundible figura de Isaac. Pasamos a un cuarto con andeis ateigados de caixas; mesas e cadeiras cheas de libros e papeis. Mentres eles se daban unha aperta tensa (como aquelas coas que Isaac se despedía nas súas cartas), pensei “quen me dera poder meter o fuciño nunha soa desas caixas!”.  Isaac liberou dúas cadeiras e Pepe sentouse. Entón, comezaron a falar dos seus problemas de saúde. Pepe dixo, sinalándome, “é a miña sobriña, a filla de meu irmán Jesús, o de Madrid”. Isaac miroume cun sorriso e dixo “María Jesús” e doume dous bicos. Quedei abraiada.  E lembrei…

...Madrid, rúa Zurbano, galería Sargadelos. Entrei para mercar un agasallo a miña nai. Dende o mostrador, saudoume Inés Canosa. Coa súa voz doce dixo: “está aquí Isaac, vén saudalo”. Acerqueime, estaba dando instrucións precisas para que as pezas das vitrinas quedaran colocadas como el quería. Inés dixo: “está aquí a sobriña de Neira”.  Tamén daquela había un sorriso nos seus beizos cando me bicou e dixo “María Jesús”.

Entregoume unha carpeta cun feixe de cartas, e dous libros asinados por el que lle encargara Pepe.

Non falaron nin moito nin durante moito tempo. As miradas silenciosas dicían máis cas palabras. Déronse outra longa aperta de despedida e Isaac ofreceuse a levar a carpeta e os libros: “estas escaleiras son perigosas”.

Baixei detrás de Pepe.

Cando, dende o fondo das escaleiras, volvín a vista, Isaac seguía no couzón, sorrindo.

Ningún dos dous sabía que non se verían máis. Ou se cadra…

María Xesús Neira Yagüe

Bibliotecaria da Fundación Xosé Neira Vilas

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

Xoán Andrade, Isaac Díaz Pardo e o Laboratorio de Formas

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños