Manda de Álvaro Lago para Isaac
A de Álvaro Lago é unha escrita marabillosa, desas ben coidadas, desas que un gusta de ler porque comprende pero tamén aprende. Ese léxico tan ben escolleito, esas estruturas diferentes... fan desta manda unha verdadeira alfaia, unha faísca acesa na lareira que nos enche de esperanzas e ledicia.
O dono das palabras que a continuación reproducimos, e que agasalla a Isaac con fachenda e memoria, gasta versos poderosos, xa comprendidos nalgunha das súas obras, como Alén Verbo. E aínda que el agradece a iniciativa do Alento Esbravexo, nós tamén parabenizamos a súa valía.
Nunha carta inicial Álvaro sinalaba:
Álvaro Lago é o hábil pseudónimo dun ghicho baixo, barbado e groso que naceu no país dos mil ríos por volta dos anos sesenta do século pasado. Escribiu un feixe de libros, deseñou/ produciu/corrixiu/traduciu máis outra man deles e leva lida a súa boa morea de tomos, folletos e mais publicacións dixitais. Grazas á magnífica habelencia do persoal adscrito á sanidade pública galega (no seu caso concreto, a do centro de saúde Valle Inclán, de Ourense, e mais á dos Complexos Hospitalarios Universitarios tanto de Ourense como de Vigo —desmantelar a sanidade pública debería tipificarse coma un crime de lesa humanidade—), este tipo continúa coa súa esmorga perpetua literaria e cunha vida, agora case monástica a que en tempos fora goliardesca. Por el, malia a forzada ascese, que dure".
Velaquí a súa manda
Comentarios
Publicar un comentario