Dolores Rodríguez Pazo, Víctor Mejuto e Isaac Díaz Pardo

Isaac (fotografía de Víctor Mejuto)

Profesora e licenciada en filoloxía inglesa é Dolores Rodríguez Pazo, investigadora que ten elaborado estudos comparativos interesantísimos entre a obra de Xosé Neira Vilas se a escritora irlandesa Alice Taylor.

Esta manda que nos entrega, para homenaxear a Isaac Díaz Pardo, vén acompañada dunha foto da autoría de Víctor Mejuto, xefe de fotografía do xornal La Voz de Galicia. A este respecto, Dolores indica: "Escollín esta foto porque reflexa o que quero manifestar: ese home miudiño que foi quen de crear unha obra tan grande e tan magnífica. Nela aprécianse as magnitudes, as diferenzas de tamaño: esa antítese que é o que me gusta máis desta foto".

Rodríguez Pazo achega a súa manda a modo de relato e recorda a esa persoa, Isaac, que foi quizais unha das que máis apertas ten recibido, e coidamos que non só polo entrañábel que era, senón tamén pola gratitude que todas e todos lle debíamos e debemos. Dolores entra, xustamente, nesa liña tan necesaria que ten que ver cos afectos, a de demostrar non só o respecto, senón o amor...

Beizóns e Arte, querida Dolores!

PEQUENO GRAN HOME

Un día de verán, coido que era xuño do 2006, non lembro moi ben, atopábame xantando cun grupo de profesores da facultade no comedor do auditorio de Galicia. De súpeto, fixeron a súa entrada tres persoas e sentáronse nunha mesa. Algunhas e algúns cos que eu compartía sobremesa levantáronse ao momento para darlle unha forte aperta a unha das persoas daquel grupo. Era un home pequeno, baixiño, miudiño; un home maior, un ancián (o denominarían algúns). Eu quedei ensimesmada, encandeada, marabillada, pero sobre todo emocionada ante aquela pequena figura. Canto magnetismo irradiaba! Aquel home remataba de ser desposuído da súa vida, e con todo, en vez de reflectir pesadume, canta dignidade radiaba.

Días despois acudín a unha homenaxe que se lle facía no Museo do Pobo Galego. E alí estaba de novo: pequerrecho, diminuto, débil, e canta amizade e gratitude recibía e devolvía, non lle cabía dentro, rebordaba.

Aquela noite volvín á casa cun sentir agridoce. Ás veces as cousas acontecen porque si. E se aquel home non fora despoxado da súa obra, eu non o tería coñecido, máis isto no era necesario. Abondábame con gozar do seu legado: eu crecera entre cuncas de café e pratiños de cor azul e branco.

Seis anos despois falecía, na véspera de Reis. Os xornais ateigábanse de artigos arredor da súa obra. Entre todos houbo unha frase “Luís Seoane poñía as ideas, e eu encargábame dos cacharriños”. Os cacharriños!!! Canta simplicidade para designar tan maxestática obra. Exactamente coma el.

Dicía Xosé Neira Vilas, o seu incondicional amigo, citando a José Martí: “Toda a grandeza dun home cabe nun gran de millo”

Non importa o volume, importa a esencia, e iso é o que nos deixou este pequeno gran home, a esencia do seu ser nunha obra maxistral.

Dolores Rodríguez Pazo


Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

Xoán Andrade, Isaac Díaz Pardo e o Laboratorio de Formas

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños