Dende Emilio Valadé a Isaac Díaz Pardo
Dentro do eido das ciencias, esas que tamén se deben normalizar no idioma propio de cada país, no noso caso no galego, despunta con forza unha figura interesante e principal delas: Emilio Valadé del Río. Licenciado en Ciencias Biolóxicas pola Universidade de Barcelona, foi o primeiro profesor en impartir a materia de xenenética na Universidade de Santiago de Compostela. Preocupouse, logo así, de coñecer como se transmite a información xenética das persoas que nos precederon ao ser codificada en secuencias proteínicas (aminoácidos). Mais como o idioma, a palabra e a tradición oral seica non se difunden por medio desas configuracións en dobre hélices, Valadé entendeu que a Historia do Pensamento Biolóxico, de Ernest Walter Mayr; e A Orixe das Especies, de Charles Darwin, debían ser vertidas ao galego. Tales traducións, editadas polo Servizo de Publicacións da USC en 1998 e 2003, respectivamente, serviulle ser recoñecido co Premio de Tradución Científica da Fundación Plácido Castro (2010).
Por iso, e mentres non se demostre que o idioma se poida transmitir codificado nunha secuencia proteínica de xeración en xeración, lanzaremos o noso Alento Esbravexo instando (e tamén esixindo) unha plena normalización do uso do galego, e sen dúbida tamén dentro do ámbito científico.
Por outra banda, agradecemos a Emilio Valadé non só a participación nesta homenaxe -virtual e por medio de mandas- a Isaac Díaz Pardo, senón igualmente a súa aposta para que o noso código lingüístico e cultural recupere a saúde que outrora gozou!
Beizóns e velaquí a manda Emilio Valadé del Río.
Reflexións sobre Isaac
Hai persoas singulares que con moi poucos recursos son quen de transmitir cantidade de sentimentos. Cando estas persoas se adican ao mundo da creación, acostuman acadar cotas moi altas nos seus respectivos eidos. Penso en escritores, músicos ou pintores. Podémolos atopar tamén noutras áreas da creación, pero penso nestes de modo especial. Emocióname comprobar como, con ben poucas palabras, ou compases ou trazos, estes artistas describen moitas sensacións diversas. No noso mundo, estas persoas forman un conxunto de creadores singulares, que coas súas obras conforman un patrimonio de todos nós.
Penso agora en Isaac Díaz
Pardo, o noso amigo Isaac. Sempre o imaxino como parte da paisaxe urbana
compostelá co seu andar algo cansino, humilde de aspecto e cun amplo sorriso
que repartía alá por onde fose. Sempre como pedindo permiso para pasar. A súa
presenza nunca foi desapercibida pois, co paso do tempo, aquel persoeiro noso
foi acadando paseniño un lugar de seu na nosa conciencia colectiva, aínda que
nunca o pretendera. Se cadra, a súa ilusión humana non fose mais que facer ben
o seu traballo e nunca deixar de atender as peticións que lle chegaban.
Chegáronlle dabondo!
Miro un catálogo de obras
súas plasmadas en cerámica de Sargadelos. Sempre cun fondo entronque con
Galicia, vexo os seus primeiros deseños, estampados en vaixelas, inspirados en
relevos da ábsida da igrexa de Portomarín ou nos ferros da porta da de Vilar de
Donas. Logo, múltiples e diversas facetas creativas enriqueceron o catálogo das
súas obras e deron canle a outros tantos aspectos da súa capacidade artística:
medallas conmemorativas, oficios, igrexas románicas, faros, cabezas de
personaxes históricos, evocacións de festas populares galegas, animais da nosa
fauna e máis, son capaces de presentarnos un panorama da súa ampla capacidade
creativa tendo a Galicia, e o galego, como fonte da súa inspiración.
Aquí quero chegar, pois
malia a diversidade da súa obra, encontramos nas súas pezas moita singularidade
que as fai diferentes ás procedentes doutras orixes. Se cadra é a cor, ou as
formas, ou os temas, non o sei. Se cadra é todo o conxunto mesturado en cada
unha das pezas, xa digo que non sei, pero penso que as obras de Isaac Díaz
Pardo teñen un algo, como unha impronta, que nos fala da súa procedencia e do
seu creador. Ás veces penso que Isaac foi quen de captar a alma galega para,
logo, facela cristalizar en cadansúa
peza.
Por outra banda, penso que
son as xentes de Galicia quen saben faceren propia a obra de Isaac por
sentírense identificadas coas cores, as formas e os temas da súa ampla
creación.
Emilio Valadé del Río
Comentarios
Publicar un comentario