Dende Bélxica, e para Isaac Díaz Pardo, un poema de Ramón Neto
Fotografía de Ruth Matilda Anderson |
Xa hai ben tempo coincidimos con Ramón Neto no Matonge de Bruxelas... Alí falouse de poesía, tamén con Ana Miranda, Xavier Queipo, Cé Tomé... Barallamos fotografías e colaxes feitas por este último artista e varias amizades comezaron a xurdir sen sermos totalmente conscientes.
A rapaza que leva na cabeza un mundo de cousas |
E dende alí, dende Flanders e Valonia, Ramón agasállanos co seu verso para lembrar a Isaac. Un verso que chispea coma sempre, pois sen dúbida estamos perante un dos poetas máis destacados dos últimos tempos en idioma galego (coidamos tamén que en neerlandés e francés).
Chega un correo de Ramón... Este di así:
"Prezada xente
de Alento Esbravexo,
Velaquí un pequeno poema inspirado da obra «A rapaza que leva na cabeza un mundo de cousas que pode precisar na vida». Espero que poida atopar un lugar dentro da homenaxe que organizan para Isaac Díaz Pardo"
Saúde, beizóns e boa singradura!
Variacións sobre «A rapaza que leva na cabeza un mundo de
cousas que pode precisar na vida» de Isaac
Díaz Pardo
Segundo quen se lle poña por dianteou quen lle queira seguir os pasos.
Dependendo
de se a estrela está ao alcance da man
ou se un teito de vidro lle corta ascensión.
Tendo en conta se imos gañando
(en realidade nunca se acaba de gañar)
ou se aínda estamos en pé de guerra
(a Pax Romana non é unha opción)
podería levar:
– unha Singer que dea puntadas onde saltan as cóxegas
– un violín que dispare balas de prata
– un sacho co mango aceso como o sabre dunha Jedi
– unha motoserra con cadea de diamantes en bruto
– un falso dente de ouro que estoupe nas bocas da baba
– a parafina da escupefogos que calcine as barbas da impostura
– unha máscara chapada de pugas aguzadas
– o mulido que avoa Aurora poñía na cabeza
e sobre o cal sostiña un mundo todo en equilibrio
até que chegaba o momento de envorcalo.
Mais o que seguro ha de levar é
o que a ela lle pete,
como, cando e onde lle pete.
(E isto nin sequera son as voces do poema quen llo teñen que dicir)
Comentarios
Publicar un comentario